Eixes da proposta didáctica
A proposta didáctica do REA "¡No nos mires, iguálate!" combina os contidos da modalidade textual narrativa e dos xéneros literarios, cos contidos de ortografía das letras (propios da materia de Lingua castelá e literatura en 1º da ESO), recollidos no Decreto 156/2022, de 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
A temática elixida para o REA xira en torno á inclusión da diversidade, entendida esta nun sentido amplo. Así, traballarase a diversidade dende moitas perspectivas diferentes, facendo especial fincapé na linguaxe inclusiva en relación coa discapacidade e no recoñecemento dos usos discriminatorios da lingua pola situación socioeconómica.
Este REA está baseado nos seguintes eixes da materia Lingua castelá e literatura:
- desenvolvemento das competencias relacionadas coa interacción oral, escrita e audiovisual adecuadas nos distintos ámbitos e contextos e en función de diferentes propósitos comunicativos;
- fomento do hábito lector;
- interpretación de textos literarios;
- apropiación dun patrimonio cultural.
Asimesmo, traballa en prol de acadar dous dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos pola Organización de Nacións Unidas na súa Axenda 2030, en concreto, os obxectivos número 4 (educación de calidade) e 10 (redución das desigualdades).