Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Instrumentos de debuxo e de medida.
No caso de cálculos complexos, ou para facer comprobacións, recoméndase usar calculadora.
No caso de facer saídas ao exterior para medir elementos reais da contorna, precísase un flexómetro.
Proposta de agrupamentos
Coas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto aprenderán a coordinarse na realización de tarefas e aumentar a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que utilice este REA na súa aula tendo en conta as seguintes orientacións:
- Organiza ao teu alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de 4 membros nos que cada un pon o seu gran de area, dende os máis proactivos, líderes aos máis pasivos, non colaborativos etc.
- Asigna a cada membro do grupo unha función específica que lle permita poñer en valor as súas fortalezas.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O Reto final deste REA, é que o alumnado desenvolva un mural xeométrico, entre toda a clase, da súa contorna.
Para iso terán que seleccionar, por grupos, distintas zonas da vila, e identificar a xeometría que haxa neses elementos.
Cada grupo fará, polo menos, tres elementos ou zonas.
Haberá tres categorías para completar a información:
- Zonas verdes e espazos públicos.
- Deporte e ocio.
- Mobiliario e elementos urbanos.
Para cada elemento terán que calcular ou estimar, o perímetro e a área.
Aínda que no currículo de 5º de primaria o cálculo de perímetros e áreas abarca só triángulos, cadrados e rectángulos; pódense ampliar os cálculos a outras figuras planas, se así o estima a persoa docente. Terase en conta que as fórmulas doutras figuras non están no REA.
Finalmente, o mural conxunto exporase a todo o centro educativo.
Enfoque multinivel do reto
Para multinivelar este reto proponse que os espazos elixidos sexan sinxelos de medir, xa que os cálculos xa son simples.
Será a persoa docente quen guíe neste proceso, para garantir que todo o alumnado sexa quen de acadalo.
Aínda que o mellor é facer medicións no exterior, poden empregarse outros recursos, como os visores online.
No REA proponse o Visor de Información Xeográfica da Xunta de Galicia, pero hai máis ferramentas similares.