Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Material manipulativo:
- Un mapa de España a tamaño folio ou DIN A-3, regra e compás, para o reto 1.
- Un cartón, forrado de papel continuo ou plástico, cunha superficie suficiente para a colocación dos números.
- Números, signos e carteis realizados polo propio alumnado.
- Vasos de cartón, pezas pequenas, pinchos, policubos, botóns ou mesmo boliñas de papel de cores.
- Velcro de dobre cara e pegamento.
Equipamento informático para o alumnado: propóñense actividades interactivas polo que é recomendable que cada alumno e alumna dispoña do seu equipo informático aínda que o REA podería utilizarse de forma guiada dende unha pantalla dixital para que o alumando traballase no seu caderno.
No caso de cálculos complexos, ou para facer comprobacións, recoméndase usar calculadora.
Proposta de agrupamentos
Coas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto aprenderán a coordinarse na realización de tarefas e aumentar a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que utilice este REA na súa aula tendo en conta as seguintes orientacións:
- Organiza ao teu alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de 4 membros nos que cada un pon o seu gran de area, dende os máis proactivos, líderes aos máis pasivos, non colaborativos etc.
- Asigna a cada membro do grupo unha función específica que lle permita poñer en valor as súas fortalezas.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O reto final deste REA é que o alumnado faga un presuposto de viaxe de fin de curso a un lugar costeiro, poñendo como condición que estea, como máximo, a 500 km do centro educativo.
Dado que os prezos son variables segundo lugar elixido, debe ser o docente quen indique como obterán esta información, podendo usar os datos das actividades previas ou ben usar datos reais cuxa fonte será previamente elixida polo profesorado.
Enfoque multinivel do reto
Dado que o lugar e as actividades se deixan abertas ao describir o reto, pódense acoutar adaptando a dificultade ás características do alumnado.