Saltar navegación

3. Guía de uso

Introducindo o REA "As novas dámolas nós"

O REA "As novas dámolas nós" pretende que o alumnado adquira habilidades para identificar necesidades, recompilar información e transformala nos seus propios textos expositivos. O obxectivo é dar solución con ese texto a unha problemática real explicada nos retos 1, 2 e 3.

Os diferentes bloques do REA están pensados tendo en conta o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA). Por este motivo, preséntase a información de maneiras diferentes, tanto en formatos como niveis.  O obxectivo último é rachar coas posibles fendas que o alumnado poida atopar para acceder á información e chegar deste xeito ó maior número de realidades individuais do alumnado.

O alumnado manexará aspectos teóricos sobre os distintos textos orais e escritos, sobre o uso da biblioteca e a importancia da cohesión e a coherencia. Ademais, ao longo do camiño irase afondando en diferentes aspectos gramaticais: adxectivos, hiatos, prefixos e sufixos. A través da lectura, da reflexión individual e tamén grupal, e da mestura destes aspectos, terán que resolver un reto proposto que se traducirá na creación de documentos que recollan distintas realidades do centro ou da súa comunidade. Eses documentos unificaranse nunha pequena revista.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)