Saltar navegación

1. Descrición xeral

As novas dámolas nós

Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado co fin de introducir ao alumnado na creación de textos. Na situación de aprendizaxe terán que crear un texto escrito co fin de manter mellor informada a súa escola. O tipo de texto escrito que realicen como produto final dependerá da toma de decisións que fagan durante o proceso. Os produtos finais de cada grupo unificaranse nunha pequena revista. Preténdense traballar a compresión de textos orais e escrito e a creación colectiva de documentos da mesma tipoloxía.

Estudaremos algúns dos tipos de textos orais (expositivos, instrutivos, debate) e escritos (descritivos, literarios, de opinión). Ademais, tamén se traballarán contidos relacionados con: estratexias para a coherencia e a cohesión así como a pronuncia e entoación axeitadas; redes sociais e riscos; tipos de tipoloxía textual básica; estratexias para a pescuda de información, comparación, clasificación e valoración crítica; uso das bibliotecas tanto de aula, centro ou comunidade como dixitais. No que se refire a aspectos gramaticais traballaranse os adxectivos, prefixos, sufixos e hiato. Por último, e como no REA anterior, tamén se traballará a expresión oral e escrita.

As metas de aprendizaxe son:

  1. Recoñecer os diferentes tipos de textos orais (expositivos, instrutivos, debates).
  2. Recoñecer os diferentes tipos de textos escritos (literarios, de opinión, descritivos).
  3. Adquirir estratexias para pescudar, comparar e valorar información.
  4. Coñecer distintos aspectos gramaticais sobre a lingua galega.
  5. Crear de xeito colectivo, textos expositivos multimodais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)