Saltar navegación

1. Descrición xeral

Minuexas ou Branlexas?

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado ao estudo da música e danza histórica, centrándose no Minueto e o Branle. O obxectivo é promover unha conciencia crítica e analítica sobre a música devanceira e o seu contexto social e cultural na época.

Nesta situación de aprendizaxe, "Minuexas ou Branlexas?", o alumnado deberá primeiro introducirse na época a través da sección "Regreso ao pasado". Logo, traballando cos contidos musicais e de danza, terán como reto a interpretación grupal de dúas danzas antigas: un branle e un minueto no contexto da conmemoración do Día Internacional da Muller.

Para iso, empregarán coñecementos musicais para a práctica, aprendendo a musicar o branle e o minueto, incluíndo a improvisación de melodías e a edición de partituras, na etapa de "Músicas devanceiras". Posteriormente, procederán á aprendizaxe dos pasos coa sección "Pasiño a pasiño", que inclúe bailar ambas as danzas.

Ao longo deste proceso traballaranse conceptos de linguaxe musical, ritmo e composición, que logo aplicarán na práctica das danzas. Ademais, reflexionarán sobre o papel das mulleres importantes na danza e a evolución dos bailes a través do tempo. Ao final, adquirirán coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na interpretación e presentación de danzas históricas.

Co desenvolvemento deste REA procúrase que o alumnado adquira coñecementos básicos sobre: 

  • Branle: pasos básicos en roda.
  • Minueto: pasos básicos en parella.
  • Linguaxe musical: compases binarios, ternarios e cuaternarios, introdución ás ligaduras de unión, matices dinámicos, medidas de tempo e articulación.
  • Organización dun evento: Día Internacional da Muller.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)