3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.

Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo das fases 2 e 3: un equipo informático.

Para o evento deportivo solidario da fase 4 non se determina o procedemento de elaboración. Recomendacións segundo os tres tipos de recursos:

  • Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
  • Con aplicativos sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis, pulseiras, rótulos e invitacións. Hai que ter en conta que este tipo de aplicativos non permite o traballo compartido sobre o mesmo produto.
  • Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma AbalarBox como soporte para o traballo colaborativo de creación de cartelería ou outras creacións.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado

Na fase 2 organízanse grupos heteroxéneos para descubrir o que sabemos sobre deportes populares e alternativos, así como sobre as asociacións. Recoméndase que esos grupos traballen xuntos ao longo de todo o REA.

No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo pois dependerá da totalidade do alumnado. De ser posible o número debería estar en torno a 6, aínda que iso supoña a redución de grupos.

Produtos finais

O REA consiste na planificación e realización dun evento deportivo solidarios para todo o colexio, ese será o produto final, co obxectivo de poder facer unha doazón a unha asociación coa que o alumnado decida colaborar. Tamén existen tres pequenos retos que se propoñen ao alumnado:

  • Creación da cartelería do evento
  • Creación do regulamento
  • Creación das inscricións

Estes retos están multinivelados, o que permite que o alumnado escolla a tarefa coa que se sinta máis cómodo. A maiores, indicar que esta tarefa está pensada para realizar dixitalmente, pero podería facerse noutros formatos, quedando á decisión do mestre ou mestra.

Enfoque multinivel do reto

Tanto os retos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades individuais, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno expliquen, si así o consideran, os motivos da elección.

O reto de organizar e levar a cabo un evento deportivo solidario preséntase coa libertade de que é o alumnado o que escolle o tipo de evento a realizar.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • Opción A: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • Opción B: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • Opción C: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).

Sesións de Educación Física de compromiso motor

As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na práctica de aspectos técnicos e tácticos do bádminton e do pickleball e na aplicación destos en situacións xogadas.

A planificación das sesión que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.

Modelos de sesión para a elaboración de sesións desta situación de aprendizaxe:

Acceso ao documento en PDF.

Acceso ao documento en formato editable.

Tratamento da diversidade

O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece. A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA. Polo que se recomendo elaborar as sesións tendo en conta as características do voso grupo clase.