Saltar navegación

1. Descrición xeral

Solidarízate xogando!

Infografía resumo do que se traballa na situación de aprendizaxe que leva por nome Solidarízate xogandoElaboración propia (proxecto cREAgal) vía Canva.Infografía - Solidarízate xogando! (EDF) (Licenza de contido Canva)

"Solidarízate xogando!" é un REA (Recurso Educativo Aberto) coa fin de introducir aos estudantes na iniciación deportiva, en concreto, nos deportes colectivos. Nesta situación de aprendizaxe o alumnado terá que crear un evento deportivo solidario co obxectivo de axudar a unha asociación da súa vila ou próxima a ela, á vez que practica dous deportes colectivos: o baloncesto e o datchball.

Para iso traballarán nas sesións de Educación Física os xestos técnicos e a táctica de ambos deportes, permitíndolles adquirir coñecementos para poder decidir o deporte do evento deportivo solidario que terán que organizar. Tamén terá un gran protagonismo a investigación sobre as asociacións máis próximas a eles e coñecerá diferentes tipos de eventos, facilitándolles o proceso de creación do seu propio evento deportivo solidario.

O REA "Solidarízate xogando" ten como obxectivos principais:

1- Fomentar a práctica regular de xogos deportivos, tanto populares, como pode ser o baloncesto, e alternativos, como é o datchball, contribuíndo deste modo á promoción da saúde física, mental e social.

2- Iniciar a práctica de habilidades motrices específicas promovendo a toma de decisións tanto técnicas como tácticas durante o xogo.

3- Regular e xestionar as emocións durante a práctica deportiva de competición priorizando o desfrute por riba do resultado.

4- Desenvolver habilidades sociais a través do diálogo, do debate e o respecto ás opinións dos demais, co obxectivo de fomentar a igualdade e inclusión na práctica deportiva.

5- Valorar a práctica deportiva como oportunidade para fomentar a solidariedade, como axente unificador, entre comunidade educativa e contorna social.

6- Vencellar o emprego de ferramentas ou plataformas dixitais á práctica deportiva.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)