A continuación explicamos certas recomendacións relativas aos seguintes aspectos:
Recursos materiais necesarios
Este REA está deseñado para o seu desenvolvemento no pavillón, ximnasio ou patio exterior, pero algunhas actividades deberán resolverse na aula polo que desenglobaremos o material preciso para cada caso.
Material para a aula:
- Equipos informáticos para o alumnado para resolver as diferentes tarefas multinivel.
- Encerado dixital interactivo para visualizar algún vídeo.
- Material escolar: bolígrafos, lápices, folios...
Material para o pavillón, patio exterior ou ximnasio:
- Cordas de diferentes tamaños para a práctica de saltos individuais, parellas e en gran grupo.
- Bancos suecos, plinton, mesas, colchóns de seguridade, poldro, bloques de psicomotricidade... e todo aquel material propio da área de Educación Física ou que se considere útil para a práctica de parkour e que sirva como obstáculo para superar e cumpra as medidas de seguridade necesarias para o seu uso na aula co alumnado desta idade.
Proposta de agrupamentos
Durante a Fase 2 do REA será necesario crear equipos de traballo que se manteñan ata a finalización da situación de aprendizaxe.
Para que o reto final poida ser superado por todos os grupos será fundamental que estes sexan o máis equilibrados e homoxéneos entre si e que non haxa moita diferencia entre os equipos. Do contrario, se os niveis entre diferentes grupos son moi heteroxéneos os circuítos motrices que elaborasen sería inalcanzables para algúns alumnos/as, polo que se perdería a esencia do reto final e podería provocar falta de motivación e infravaloración persoal.
O feito de que non sexa un reto competitivo permitirá que todo o alumnado se sinta a gusto no desenvolvemento das súas habilidades motrices xa que non se trata de crear un circuíto demasiado complexo, senón que se busca máis un circuíto que estea adaptado á diversidade motriz dos discentes, valorando outras cualidades como a creatividade, a resolución de problemas motrices en equipo ou a comunicación continua e axuda mutua entre os membros de cada grupo.
Por todo isto recoméndase ao profesorado que utilice este REA que siga as seguintes pautas:
- Organiza ao teu alumnado en función das súas habilidades e capacidades motrices para formar equipos de 4 ou 5 membros.
- Crea un clima de traballo positivo e que fomente a participación, poñendo en valor os progresos e guiando naquelas dificultades que poidan ir xurdindo.
Produtos finais
Unha vez elaborada a proposta de circuíto final por parte de cada grupo, chegará o momento de presentalo ao resto dos grupos, pero tamén de practicar os circuítos dos demais equipos. Será o momento do feedback, que neste caso será bidireccional xa que cada grupo obterá información, opinións e valoracións por parte dos outros equipos e viceversa.
Incluso recomendamos no REA como motivación que se acabe creando un libro de rexistro onde vaia incorporando todos os circuítos de parkour e de saltos á corda elaborados. As propostas poderían elaborarse en algún momento (clases, tempo de lecer, festividade...) para que outro alumnado os realizase e buscase maneiras diferentes de superar os obstáculos que en eles se propoñen. Sería unha forma estupenda de abrir ao resto do colexio esta práctica motriz e que, sen dúbida, se convertería nunha experiencia moi enriquecedora a nivel de centro.
Enfoque multinivel do reto
O enfoque multinivel do reto vén determinado pola existencia de varias solucións motrices para poder superar os diferentes obstáculos que cada grupo decidise incorporar ao seu circuíto.
Trátase de eliminar barreiras arquitectónicas e superar barreiras, polo que cada alumno/a, en función das súas habilidades e capacidades motrices poderá optar por unha solución ou outra para realizalo. Remarcar que un obstáculo pode ser superado de moitos xeitos, dependendo das nosas habilidades/capacidades o poderemos superar de unha ou outra maneira, máis rápido ou menos, con máis esforzo ou con menos.
Ademais, o feito de "obrigar" a que todos os membros do grupo sexan quen de superar todas as habilidades de parkour e saltos á corda, propostas no seu propio circuíto, facilita o enfoque multinivel adaptándose ao nivel motriz de cada integrante do equipo. O uso de diferentes habilidades no circuíto, o uso de diferentes materiais en función do tipo de alumnado e recursos do centro tamén son elementos que facilitan que ese enfoque multinivel se poida dar.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe idease como unha actividade de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que reflexionen sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.
Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital, como a man e de maneira completa, ou segmentada por fases) como o docente decida. Explicamos un pouco máis detalladas as opcións:
- Opción A: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
- Opción B: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir, nun momento da sesión, a fase ou apartados que se considere.
- Opción C: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións motrices propostas
A primeira idea clara que debe ter o docente é que as sesións motrices deste REA son perfectamente modificables.
Como guía para este REA, propóñense unha serie de saltos á corda e habilidades de parkour, a modo de exemplo. Hai moitos máis e será o mestre quen, inicialmente, deberá escoller cales quere que practique o seu alumnado atendendo a diferentes criterios como: o número de saltos e habilidades a practicar en cada sesión, o nivel de dificultade, as súas preferencias máis as do alumnado, o material e espazo do que dispoña...
Quere dicir isto que a ficha modelo de auto e coavaliación que se entrega poderá ser modificada e adaptada en función dos criterios indicados anteriormente. Porén, o profesor debe de ter moi claro que esta ficha será un elemento importante do REA, un dos seus puntos clave, xa que será a que determine que habilidades de corda e parkour incorporará cada grupo de alumnos/as ao seu circuíto, sen esquecer que hai uns puntos de obrigatorio cumprimento para que o reto final (elaboración dese circuíto) poida ser superado. De aí que sexa primordial que o mestre faga unha selección correcta. Se por exemplo incorpora unicamente habilidades e saltos á corda dun nivel medio-alto o REA non terá éxito, xa que se incumpriría o punto estrela da elaboración do circuíto que fai referencia a que todos os integrantes do grupo deben de superar esas habilidades, eliminándose deste xeito as "barreiras arquitectónicas".
Podes descargar o modelo de sesións proposto para o REA na sección recursos e solucións do REA. Recorda que se poden editar e que se deben adaptar ás necesidades, requirimentos e intereses de cada grupo e/ou docente.