Catro vellos mariñeiros
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 6 -dun total de 7- elaborado no proxecto cREAgal para a materia de Matemáticas de 1º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A situación de aprendizaxe ten como obxectivo principal relacionar os conceptos adquiridos do sentido numérico (proporción, razón e cálculo de porcentaxes) co sentido alxébrico, a través das funcións lineais, e co sentido xeométrico, mediante a representación no plano cartesiano. O fío condutor é a historia de Mariña, que atopa un mapa do tesouro e vai na súa procura resolvendo distintos retos e adiviñas matemáticas.
O reto proposto consiste na elaboración dun mapa do tesouro contextualizado no centro educativo. O mapa incluirá diferentes elementos que permitirán ao alumnado traballar os tres sentidos matemáticos implicados: numérico, alxébrico e xeométrico.