E ti... de que corda eres?
DATO CURIOSO CUERDAS
Como de seguro lembrades, na primeira unidade deste proxecto realizaramos un pequeno percorrido polas diferentes familias instrumentais, entre elas a que hoxe nos ocupa: a familia de corda. En realidade, trátase dun grupo de instrumentos que contan coa presenza deste tipo de elementos (en diferentes materiais como nailon ou metal) e que empregan a forza da tensión como mecanismo principal do seu funcionamento. Non vos preocupedes, máis adiante afondaremos nesta cuestión para coñecer exactamente cal é o seu segredo! Desta volta faremos o primeiro stop no camiño para coñecer os distintos tipos de instrumentos da familia de corda, tendo en conta sempre cal é o sistema que empregan para producir o son. Imos aló!
Corda fretada
Poderíamos dicir que nos instrumentos de corda fretada as persoas acarician as cordas, sen necesidade de golpealas ou beliscalas. Xeralemente realizan un movemento continuo e suave, cunha ferramenta chamada arco. Estaredes pensando... "como o de Robin Hood?" Pois a verdade que si, a parte de madeira é semellante, pero en vez de ter unha corda común, os arcos que se empregan na música elabóranse con pelo de cabalo por ser un material resistente e delicado ao mesmo tempo. Por suposto o cabalo non sufre ningún dano, é coma se pasara polo perruqueiro!
Corda percutida
Estaredes pensando... e que fai aquí unha máquina de escribir? Pois nada máis lonxe da realidade! Trátase do mecanismo interno dun piano, un tipo de instrumento de corda percutida que emprega un sistema mecánico para golpear as cordas e así xerar as vibracións que producen o son. Como podedes observar na imaxe, o piano emprega un sistema de teclas que son pulsadas polo intérprete e que activan uns pequenos martelos, que finalmente golpean as cordas como se dun resorte se tratara. Menudo aparello!
Corda pulsada
Estes instrumentos de corda empregan un sistema de beliscado, é dicir, temos que facer vibrar as cordas empregando as nosas propias mans. Ben é certo que en ocasións tamén se recurre a ferramentas como as púas (pequenas pezas de plástico que fan a función das uñas), e o xeito de tocar varía dependendo do instrumento. De novo aquí atopamos diferentes materiais para as cordas, que poden ser de nailon ou de metal.
Electrófonos de corda
Agora si que é a quenda da alta tensión... e non estou a falar en sentido figurado! Coma podedes imaxinar os instrumentos electrófonos precisan electricidade para o seu funcionamento. Xeralmente adoitan prescindir de caixa de resonancia, polo que a única maneira de amplificar as vibracións que se producen no seu interior conséguese a través de pequenos micrófonos e altofalantes conectados á rede eléctrica. Ofrecen moitísimas posibilidades sonoras, xa que podemos modificar fácilmente o son que producen (pensade nunha guitarra eléctrica e todos os seus efectos) sen variar a construción do instrumento.
Agora que xa coñecemos cales son os principios básicos que nos permiten diferenciar os distintos tipos de instrumentos de corda, é hora de poñelo en práctica. Na seguinte actividade deberedes clasificar os instrumentos que se amosan na súa familia correspondente. Para facelo simplemente teredes que picar na imaxe e arrastrala ó lugar indicado. Se tedes dúbidas premede na icona de son para escoitar o audio de cada instrumento. O tempo máximo para realizar a actividade é de dez minutos, tempo dabondo!