Guitarras con nome e apelidos!
Imos comezar esta sección facendo un pequeno xogo de reflexión. Imaxinade que, por casualidade, atopades un anaco de papel que contén soamente unha palabra escrita, o nome de guitarra... cal é a primeira imaxe que vos ven á cabeza? De seguro que neste punto temos opinións encontradas. Algúns pensaredes na guitarra clásica de madeira, haberá quen imaxine unha típica do rock and roll, ou ben unha guitarra flamenca... dependendo un pouquiño das nosas preferencias musicais. O certo é que todos os instrumentos que acabamos de enumerar comparten o mesmo nome, o de guitarra, e empregan o mesmo sistema baseado na vibración das cordas para producir o son, pero como acontece coas persoas, teñen características concretas e apelidos diferentes. Afondaremos primeiro nas partes que teñen en común, para coñecer cal é a función de cada elemento, e despois poderemos chamar a cada unha delas correctamente... empregando o seu nome e apelidos completo. No seguinte vídeo indícanse as súas partes principais, para que sexamos quen de localizalas na próxima actividade. Non perdades ollo!
Por se precisades consultar as partes da guitarra con máis detalle, na seguinte lapela atoparedes unha imaxe na que se amosan todos os elementos do instrumento cos seus nomes.
E agora si, imos coñecer os principais tipos de guitarras a fondo!
Guitarra CLÁSICA / ESPAÑOLA
A guitarra con máis historia, sen dúbida, é a guitarra clásica. Se ben é certo que as súas orixes remóntanse a culturas, épocas e lugares distintos como evolución de instrumentos populares presentes en diversas civilizacións ancestrais. Amosa influencias árabes (laúd), gregas (cítara), romanas (crotta) e medieval (vihuela) que foron modificando a súa estrutura ata chegar no século XVI ao modelo que coñecemos hoxe en día: corpo oval de madeira, seis cordas e sistema de afinación empregando caravilleiros. O material empregado na antigüidade para a fabricación das cordas eran as tripas secas de animais, pero dende o século XIX empréganse fibras sintéticas coma o nailon. Ten unha sonoridade rica e profunda, grazas a súa caixa de resonancia de madeira, ideal para tocar fermosas melodías ou ben acompañar a outros instrumentos.
Guitarra ACÚSTICA
Mmm... é moi parecida a unha guitarra clásica, verdade? Estade atentos/as! A diferenza principal (pasando por alto esa pequena mordedura que ten na caixa de resonancia chamada "cutway") radica no material empregado para fabricar as cordas. Desta volta, a guitarra acústica emprega cordas de metal, co que logra un son máis brillante e longo. Como curiosidade, a función do "cutway" é a de facilitar ao guitarrista o acceso as últimas posicións do mastro, para que poida colocar a man con maior comodidade.
Guitarra ELÉCTRICA
Inclínome a pensar que a maioría de vós escolleríades esta última guitarra, non si? A guitarra eléctrica é a máis afamada das tres, especialmente na música moderna debido á versatilidade que ten para adaptarse a diferentes xéneros musicais modificando a súa sonoridade. E por que non dicilo... ten unha forma super chula! Emprégase no rock and roll, no jazz, no pop, na música electrónica... e en tódolos estilos que poidades imaxinar. O único que precisa para funcionar é electricidade, xa que como non ten caixa de resonancia emprega un sistema de micrófonos que recollen o son producido nas cordas de metal e a través do cable o envía ata un altofalante (ou "ampli" para os amigos). Desta maneira podemos manipular o son axustando o volume, modificando o seu timbre... ata lograr un son totalmente personalizado.
INSTRUCIÓNS
A seguinte actividade consiste en identificar as diferentes partes dunha guitarra. Traballaremos neste caso sobre a imaxe dunha guitarra clásica, tal e como aparece no vídeo anterior. En cada caso, haberá que seleccionar na imaxe o punto correcto de entre todas as opcións dependendo do elemento que teñamos que atopar. Non teredes tempo límite nin número de intentos para completar a tarefa, así que non teñades presa!
\n

Lembrade que a guitarra é probablemente o instrumento máis representativo dentro da familia de corda pulsada. Coma o seu nome indica, este tipo de instrumentos empregan un sistema de beliscado manual das cordas, de maneira que o intérprete usa os dedos para tocar as cordas e orixinar así as vibracións sonoras. De igual maneira, existen elementos artificiais que podemos empregar para non mancarnos ao tocar (sobre todo sen non estamos afeitos a empregar cordas de metal) coñecidos co nome de púas. Existen multitude de modelos, con cores, formas e tamaños ao gusto do consumidor, na seguinte imaxe atoparedes un claro exemplo.