Facendo ruido!
De seguro que recoñecedes esta melodía, verdade? Pois claro! É todo un clásico no ámbito das melodías populares a nivel internacional. Pois ben, o título orixinal da canción é Oh Susanna, e foi composta por Stephen Foster (Cincinati, EEUU) no ano 1848; fai máis dun século. Este hit da música tradicional converteuse en todo un himno do estilo folk americano, e conta a historia dun home que viaxa dende Alabama ata Luisiana para atoparse coa súa muller. Sabedes cal é nome da súa amada? Pois sí, chamábase Susanna!
O curioso desta canción, ademáis da súa historia, é que emprega un sistema un tanto curioso de composición musical, que recibe o nome de pentafonía. Resulta importante coñecelo antes de practicar a canción coa nosa frauta de pan. Queredes saber de que se trata? Pois premede na seguinte lapela para averigualo.
PENTAFONÍA
Para comezar, poderíamos dividir a palabra pentafonía en dúas partes: penta+fonía. Qué significa cada unha?
- Penta é un prefixo que significa literalmente "cinco", coma acontece no caso do pentágono (cinco lados) ou mesmo no pentagrama (cinco liñas).
- - fonía provén do latín "fono", que quere dicir son.
Polo tanto, seguindo estas consideracións... o tedes claro, verdade? Pentafonía significa literalmente "cinco sons". Chamámoslle música pentatónica ao tipo de obras musicais que están compostas empregando a técnica da pentafonía. Debido a súa sonoridade adoita asociarse co mundo oriental (China, Xapón...) pero o certo é que moita da música que coñecedes utiliza este tipo de código musical. Pero... que ten de especial? Non perdades ollo!
CÓDIGO PENTATÓNICO
A música pentatónica, a diferencia da que estamos afeitos/as a escoitar ven empregando soamente cinco notas da escala musical. Se non me trabuco nos cálculos, isto supón que temos que eliminar dúas das sete notas da escala normal (7-5 =2). Pero... que notas escolleremos para eliminalas? Esas dúas notas das que falamos non son seleccionadas ao chou, para nada! O certo é que son esas e non outras polo lugar que ocupan na escala. Comentabamos nunha das anteriores unidades didácticas a relación da escala musical cunha escaleira, pola similitude que existe entre as notas que a forman e os chanzos que suben ou baixan, recordades? Pois ben, aínda que semelle unha tolería as sete notas da escala non están todas a mesma distancia musicalmente falando! É dicir, algúns chanzos son máis grandes ca outros. Pero... cales? Un instrumento ideal para comprobalo é o piano, pola distribución que ten entre teclas brancas e negras. Casualidade? Mmm... non o creo! Fixádevos ben nas seguintes imaxes. Notades algún patrón que se repite na combinación de teclas?
Queredes descifrar cal é o código pentatónico? Seguide lendo!
DESCIFRAMOS O CÓDIGO
A distribución das notas da escala musical no teclado do piano é sempre a mesma: as negras agrúpanse sempre en parella primeiro e formando un trío despois (2 + 3). Se os chanzos da escaleira foran todos iguais, cada unhas das teclas brancas tería despois a súa tecla negra correspondente... non si? A solución é a seguinte; polo xeral a distancia que existe entre cada nota da escala é a mesma (imaxinando que son eses chanzos da escaleira e atópanse separados un metro), soamente que na música falamos de tonos. Polo tanto, entre cada nota musical normalmente obtemos un tono de diferencia. Pero a escala musical non é perfecta, e temos dous casos nos que os chanzos da escaleira están un pouquiño máis preto, a medio tono para ser exactos. Isto acontece entre as notas MI e FA (do segundo ao terceiro escalón) e as notas SI e DO (do sétimo ao oitavo). Polo tanto e para evitar problemas, na pentafonía evitaremos empregar estas dúas notas: o FA e o SI. Podedes ver un exemplo de como quedaría ese teclado de piano quitándolle as notas na seguinte imaxe:
ESCALA PENTATÓNICA
Como resultado, ao prescindir destas dúas notas (FA e SI), a escala pentatónica quedaría da seguinte maneira:
Como vedes, soamente empregaremos cinco notas: DO-RE-MI-SOL e LA. Parece pouca cousa... pero mirade que sonoridade tan característica ten esta escala!
Para completar o xogo, e tendo en conta o aprendido ata agora, deberedes seguir estas indicacións. Na imaxe central, (que é a partitura da melodía de Oh Susanna que imos a tocar) sinalaranse diferentes notas da escala cuha frecha de cor vermella. En cada caso, deberedes identificar a nota que se vos pide no reto picando na frecha correcta que a sinala. Non hai límite de tempo pero desta volta non van por orde... así que estade atentos/as!
\n






