A música, unha ciencia exacta
- Duración:
- 20
- Agrupamento:
- Ilimitado
Imaxinade que sodes parte do son que viaxa en forma de ondas no seu percorrido polo interior dun instrumento de vento, o que queirades, a sensación podería ser algo semellante á que estades visualizando. Hipnótico, verdade? Como acabamos de coñecer na sección anterior, a forma, materiais e tamaño do instrumento inflúe directamente nas características do son que produce, afectando especialmente a calidades do son como a súa altura e o seu timbre. Lembramos:
- ALTURA- calidade do son que nos indica se é grave ou agudo. Mídese en Hertzios (Hz), que establecen a frecuencia de vibración das ondas nun período de tempo concreto.
- TIMBRE- calidade do son relacionada co tipo de materiais que producen as vibracións. As ondas sonoras non se comportan igual no metal, na madeira, no coiro... e producen sonoridades diferentes que son propias de cada instrumento. Por iso podemos diferenciar soamente escoitando, sen necesidade de ver, o son producido por un elemento metálico (potente e brillante) dun obxecto de goma (seco e apagado).
A continuación, picade no seguinte despregable para coñecer toda a información sobre as características do instrumento que imos a elaborar con material de refugallo, a frauta de pan.
ORIXES
A coñecida coloquialmente como frauta de pan é un instrumento cunha orixe un tanto especial, xa que xurdiu en tempos e lugares diferentes da man de culturas moi distintas. En realidade, ao tratarse dun instrumento sinxelo e construído con elementos naturais (xeralmente canas de madeira), foron varias as civilizacións que comezaron a crear sons empregando este sistema. Entre as máis recoñecidas podemos destacar:
- Na Grecia Antiga, o instrumento chamábase siringa, en honra a unha ninfa do mesmo nome e que, según conta a lenda, tiña un son tan doce que foi quen de namorar cunha fermosa melodía ao mismísimo deus Pan (deus dos pastores). Non sabemos que aconteceu con esta historia, se tiveron un final feliz ou non, o que sí que está claro é que esta lenda foi tan importante que lle concedeu o nome actual ao instrumento tal e como o coñecemos hoxe en día. A siringa empregábase en cerimonias relixiosas e eventos sociais da época de todo tipo.
- Nas culturas andinas (Ecuador, Perú, Bolivia, Colombia, Argentina e Chile) tamén existen rexistros deste instrumento (chamado zampoña) dende fai moitísimo tempo, moi presente na música tradicional e que aínda se mantén actualmente.
- Na organoloxía china, a frauta de pan era coñecida como páixiāo, relaciónase coa dinastía Han e teñen máis de dous mil anos de antigüidade, elaborábanse en bambú pero tamén existen modelos que empregaban ósos de animais.
FUNCIONAMENTO
Poderiamos dicir que o sistema que emprega a frauta de pan para producir o son é un dos máis sinxelos que se coñecen, e por iso é un instrumento con tantas variantes e empregado nas civilizacións pasadas. En realidade, este instrumento está composto por unha serie de canas ocas de madeira, que poden variar en número dependendo das notas que queiramos obter, cada unha cunha lonxitude distinta. Lembrade que cando modificamos a lonxitude dun tubo estamos cambiando o percorrido das ondas sonoras que viaxan polo seu interior, e varía a súa altura. Deste xeito, aínda que comparten o mesmo mecanismo de produción do son (xa que todas as canas tócanse somprando) cada unha orixina unha nota distinta.
Como podedes contemplar no vídeo, o aire que nós botamos soprando no interior do tubo circula orixinando vibracións por toda a súa lonxitude, ata que chega ó final e topa cun tapón. Como non pode saír, emprende o camiño de volta e sae novamente pola boca do tubo. Acontece algo semellante ao que fan os coches cando viaxan por unha estrada, comparten a mesma carreteira (neste caso o mesmo tubo) pero circulan cada un polo seu carril sen entorpecerse. Que importante é a organización!
CARACTERÍSTICAS
No caso da nosa frauta de pan, prestaremos especial atención á altura, xa que como explicamos trátase dun instrumento formado por un conxunto de tubos fabricados co mesmo material pero que presentan lonxitudes diferentes. Polo tanto, como a forma e os materiais dos tubos son os mesmos, o timbre en realidade non varía. Desta volta, será a lonxitude de cada tubo o factor que condicione o son que ten. En realidade existen fórmulas matemáticas complexas que se empregan na fabricación industrial de instrumentos, coas que poderiamos determinar a lonxitude e diámetro do tubo que precisamos para obter cada unha das notas da escala musical cunha afinación exacta (como as que se amosan na imaxe). Por suposto non as temos que poñer en práctica nesta unidade, non vos preocupedes!
Desta volta soamente seguiremos unha regra matemática moi básica:
- Tubo longo- orixina un son grave (as ondas sonoras tardan máis tempo en realizar o percorrido)
- Tubo curto- orixina un son agudo (as ondas sonoras tardan menos tempo en percorrer o tubo)
Estarédesvos preguntando... e como saber a lonxitude exacta que preciso para cada un dos tubos da miña frauta de pan? No seguinte xogo atoparedes todas as claves para deixalo feito! Pero antes botádelle unha ollada ao procedemento que deberedes empregar para comprobar que os tubos están cortados no seu punto exacto, picade en AFINAR.. O SON?
Antes de poñernos a cortar, é importante coñecer o procedemento que seguen os músicos para por a punto calquera instrumento, independentemente da familia que sexa. Xeralmente antes de interpretar unha peza, en especial cando tocamos en conxunto, realizan unha serie de comprobacións que se coñecen co nome de afinar. Pero que significa esta palabra? Imos ver!
Afinar, segundo a Real Academia Galega, quere dicir "cantar ou tocar nun ton debido". É dicir, precisamos un punto de referencia para comezar a tocar e poder facelo todos... no mesmo idioma. Pero, que idioma é a música? Alégrome de que preguntedes isto! Como sabedes o son (e polo tanto a música) está composto por ondas, e a única maneira que temos de comprobar que estamos empregando o mesmo sistema é medir esas ondas con axuda dalgún elemento. Existen diferentes opcións en función da antigüidade do aparello, e imos coñecer as máis habituais. Tomade nota!
Diapasón
O diapasón é con seguridade o elemento empregado para afinar instrumentos máis antigo. O seu funcionamento é moi sinxelo, trátase dun aparello de metal que produce un son característico ao ser golpeado. Podedes escoitar como soa premendo na icona do audio. A súa frecuencia de vibración é sempre a mesma (440Hz), xa que non podemos modificar o son que produce, e a diferenza dos instrumentos de afinación máis modernos, soamente podemos empregalo como unha referencia que escoitamos para afinar despois manualmente. Neste caso... debemos empregar as orellas!
Afinador cromático
O afinador cromático é a evolución natural do diapasón. Neste caso trátase dun elemento que escoita o son que nós producimos e indícanos os pasos que temos que seguir para conseguir unha boa afinación. Na actualidade emprégase habitualmente polo seu carácter portátil e rapidez.
Afinador dixital
O último modelo de afinador é o afinador dixital. Como podedes apreciar no vídeo, é unha ferramenta que se pode empregar en calqueira equipo (ordenador, tablet, teléfono móbil, etc) que dispoña de altofalantes e micrófono. O seu funcionamento é certamente sofisticado, xa que precisa dun mecanismo para procesar a información que recibe, pero para nós o seu uso é moi sinxelo. Simplemente debemos acceder á plataforma, cantar ou tocar, e recibiremos indicacións do procedemento que temos que facer para afinar. É o tipo de afinador que empregaremos para poñer a punto a nosa frauta de pan!