2. Os medios de comunicación
A televisión: máis que unha pantalla
Cantas veces acendes a tele e comezas a facer zapping ata atopar algo que che interesa? Unha serie, un partido, un reality, as noticias... A televisión leva máis de medio século entrando nas nosas casas, entreténdonos, informándonos e, moitas veces, tamén influíndo en como pensamos ou actuamos.
Pero... sabías que a televisión non sempre existiu? Os primeiros experimentos comezaron a finais dos anos 20, pero non foi ata os anos 50 cando comezou a chegar ás casas. Era en branco e negro, cunha programación moi limitada e só uns poucos afortunados tiñan un aparello. En Galicia, as emisións da TVE comezaron nos anos 60 e a televisión autonómica, a TVG, naceu en 1985. Desde entón, todo cambiou moi rápido.
Televisión de Galicia. Primeira emisión TVG en 1985 (Licencia estándar de YouTube)
Hoxe temos canles para todos os gustos, plataformas en liña, televisión a demanda e ata aplicacións para ver contido no móbil. Pero, por moita tecnoloxía que haxa, a televisión segue a ser un dos medios máis potentes para comunicar ideas, contar historias e influír na sociedade.
A TV non só nos mostra o que pasa: decide como contalo. Nun informativo, por exemplo, escolle que novas aparecen primeiro, quen fala, que imaxes se amosan e mesmo que música acompaña unha noticia. Iso significa que, sen dicirnos directamente o que pensar, pode facer que vexamos o mundo dunha determinada maneira.
Ademais, detrás de cada programa hai un equipo enorme: xornalistas, cámaras, persoas que se encargan da redacción, de presentar, do son, da maquillaxe, do deseño, da produción, guionistas... Nada do que ves na pantalla aparece por casualidade. Todo está pensado para chamar a túa atención.
Por iso é tan importante ver a tele con ollos críticos. Preguntarse: quen emite isto? Por que escolleu este enfoque? É información ou opinión? Hai outros puntos de vista?
Porque a televisión pode ensinar, entreter e conectar... ou tamén manipular. Todo depende de como a usemos e, sobre todo, de como a miremos.
E ti, que tipo de espectador/a queres ser?
Lectura facilitada
Ves a televisión?
Ás veces acendemos a tele e cambiamos de canle moitas veces ata atopar algo que nos gusta.
Pode ser unha serie, un partido, un reality ou as noticias.
A televisión leva moitos anos connosco.
Serve para entreter, informar e, ás veces, tamén para influír en como pensamos.
Sabías que a televisión é unha tecnoloxía recente?
Comezou a desenvolverse a finais dos anos 20 do século pasado.
Pero non chegou ás casas ata os anos 50.
Ao principio era en branco e negro. Só había poucos programas e poucas persoas tiñan televisor.
En Galicia, as emisións de TVE comezaron nos anos 60.
A TVG, a televisión galega, naceu no ano 1985.
Hoxe todo cambiou moito.
Hai moitas canles diferentes.
Podemos ver televisión por internet, en aplicacións ou cando queiramos, grazas ás plataformas.
Aínda así, a televisión segue a ser un medio moi importante.
Con ela podemos comunicar ideas, contar historias e influír na sociedade.
Como funciona un informativo?
A televisión escolle que noticias mostrar primeiro.
Decide quen fala, que imaxes se ven e mesmo que música soa.
A televisión non che di directamente o que pensar...
...pero si pode facer que vexas o mundo dunha maneira concreta.
Quen traballa na televisión?
Detrás de cada programa hai moitas persoas:
- Xornalistas
- Cámaras
- Presentadores
- Redactores
- Guionistas
- Técnicos de son
- Maquilladores
- Produtores...
Nada aparece na pantalla por casualidade.
Todo está pensado para chamar a túa atención.
Por iso é moi importante ver a televisión con ollos críticos.
É bo facerse preguntas como:
- Quen fixo este programa?
- Por que escolleu este enfoque?
- É información ou é opinión?
- Hai outras formas de contar esta noticia?
A televisión pode ensinar, entreter e conectar persoas.
Pero tamén pode manipular.
Todo depende de como a usamos… e de como a miramos.
Audio
Plató de televisión
Pulsa sobre as áreas ou iconas activas da imaxe.

É a cara visible do programa, encargada de comunicar as novas con claridade e profesionalidade.
Organiza o plató e coordina os movementos das persoas no estudo para garantir que todo funcione con orde e precisión durante a emisión.
Dirixe a gravación ou emisión en directo, escollendo que imaxes se emiten, organizando as cámaras e coordinando o equipo técnico.
Permite que a presentadora ou presentador lea o guión mirando á cámara, mantendo contacto visual coa audiencia sen perder o fío do discurso.
Centro de control onde o realizador cambia entre cámaras, insire vídeos ou gráficos e controla o ritmo visual do informativo.
Asegura que a calidade do audio sexa clara e sen interferencias, tanto das voces como dos vídeos ou músicas que se emiten.
Captura as imaxes en tempo real dos presentadores e do decorado, sendo esencial para ofrecer unha realización fluída e profesional.
Resalta os rostros e o espazo de forma equilibrada, mellorando a calidade visual e xerando unha atmosfera axeitada para o informativo.
A radio: a forza da palabra
A radio é un medio de comunicación baseado na transmisión de sons a través das ondas electromagnéticas. É inmediata, accesible e permite informar, entreter e acompañar as persoas en calquera lugar. A forza da radio está na palabra, na música e nos efectos sonoros, que axudan a crear imaxes na mente da audiencia.
A historia da radio comezou a finais do século XIX, cando inventores como Marconi desenvolveron sistemas para transmitir sinais sen fíos. No século XX, a radio converteuse nun dos principais medios de comunicación de masas, xogando un papel esencial en momentos históricos como guerras, crises ou cambios sociais.
En Galicia, a creación da Radio Galega en 1985 marcou un fito moi importante. Foi a primeira emisora pública que emitiu en galego para toda a comunidade, reforzando a identidade cultural e lingüística do país. Desde entón, a Radio Galega ofrece información, música, deportes e programas culturais, converténdose nunha referencia para a sociedade galega.
Lectura facilitada
Que é a radio?
A radio é un medio de comunicación que transmite sons.
Faino a través das ondas electromagnéticas.
É un medio:
- Rápido
- Fácil de usar
- Que informa, entretén e acompaña ás persoas
A forza da radio está:
- Na palabra
- Na música
- Nos efectos sonoros
Estes
Audio
A prensa en Galicia: da tinta ao píxel
A prensa é un medio de comunicación que transmite información de forma escrita a través de xornais e revistas. Permite ofrecer noticias, análises e opinións, chegando a un público amplo e diverso. A forza da prensa está na capacidade de reflexionar e profundar sobre os acontecementos, deixando un rexistro duradeiro da actualidade.
A orixe da prensa moderna remóntase aos séculos XVII e XVIII en Europa, pero en Galicia non xurdiron publicacións propias ata o século XIX. Destacan xornais históricos coma Faro de Vigo (1853), o máis antigo en activo, ou La Voz de Galicia (1882). Durante o Rexurdimento, tamén apareceron publicacións en galego, como O Tío Marcos da Portela (1876), pioneira na defensa da lingua e da cultura galegas.
Na actualidade, a prensa vive unha profunda transformación coa chegada de internet e o nacemento da prensa dixital. Moitos xornais tradicionais, como La Voz de Galicia ou El Progreso, combinan edicións en papel e online. Ademais, xurdiron medios exclusivamente dixitais como Praza Pública ou GCiencia, que permiten un acceso inmediato á información.
Porén, o uso do galego na prensa continúa sendo minoritario. A maioría dos grandes xornais publican fundamentalmente en castelán, aínda que algúns, como La Voz de Galicia, ofrecen versións dixitais en galego para certas noticias. Xornais como Nós Diario ou Praza Pública apostan pola publicación integramente en galego, converténdose en referencias fundamentais para a normalización lingüística no sector.
Lectura facilitada
Que é a prensa?
A prensa é un medio de comunicación escrito.
Usa xornais e revistas para informar á xente.
A través da prensa podemos:
- Ler noticias
- Ler análises
- Ler opinións
A prensa axuda a entender mellor o que pasa.
Deixa un rexistro que se pode gardar no tempo.
Como naceu a prensa?
A prensa moderna apareceu en Europa nos séculos XVII e XVIII.
En Galicia, as primeiras publicacións foron no século XIX.
Destacan xornais como:
- Faro de Vigo (1853) – o máis antigo que aínda se publica
- La Voz de Galicia (1882)
Durante o Rexurdimento tamén apareceron publicacións en galego.
Un exemplo é O Tío Marcos da Portela (1876), que defendía a lingua e a cultura galegas.
Como é a prensa hoxe?
A chegada de internet cambiou moito a prensa.
Agora hai xornais en papel e tamén dixitais (online).
Algúns exemplos:
- La Voz de Galicia
- El Progreso
Publican en papel e tamén na web.
Audio
Actividade despregable
Le e escolle a opción correcta en cada caso:
Adiviña as funcións dos medios
Observa as letras, identifica e completa as palabras que se corresponden coas funcións dos medios de comunicación.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Compartir igual 4.0