Que é?
A forma musical é a estrutura segundo a cal están organizadas as ideas musicais. A forma dunha obra ten distintos elementos que a conforman, sendo o eixe a frase musical.
Que é unha frase musical?
Unha idea melódica formada por seccións máis pequenas que ten sentido propio.

Os elementos que conforman unha obra son:
Célula ou motivo: o elemento rítmico, melódico ou rítmico-melódico máis pequeno dunha obra.
Semifrase: conxunto de células ou motivos; na música do Clasicismo soen estar formadas por 4 compases.

Frase: a suma de 2 ou máis semifrases; na música do Clasicismo soe estar formada por 8 compases.

O conxunto de frases formarían os períodos, que a súa vez formarían seccións, e posteriormente movementos de obras como as Sonatas, Sinfonías ou Concertos.
Segundo o número de frases que constitúen un fragmento podemos ter diferentes formas:
- Primaria: unha frase.

- Binaria: dúas frases.

-Ternaria: tres frases.

E poderiamos seguir, pero para obras máis grandes deixamos a un lado as frases e empregamos outros elementos, como Período ou Sección.
Como podedes ver nos exemplos, para marcar as frases sempre empregaremos letras por orde alfabética, en maiúsculas, como A, B, C,... e se se da o caso de que dúas frases son similares empregaremos A´, B´,... Para as semifrases empregaremos tamén as letras pero neste caso, as minúsculas.