Saltar navegación

5. Sets, puntuación e cambio de lado

Saúdo ao comezo do xogo.
Carmen García e Manuel Mato. Saúdo ao comezo do xogo. (CC BY-NC-SA)

Os/as xogadores/as teñen o deber de coñecer e respectar o regulamento de xogo.

O Ringo xógase ao mellor de 3 sets, polo que cando un/ha xogador/a ou equipo gañe dous sets, rematará o partido.

Gañarase un SET cando:

  • Un/ha xogador/a ou equipo acade 15 puntos, sempre cunha diferenza de 2.

    • O límite está en 17 puntos. Polo que un resultado válido para rematar un set sería 16-17.

  • Por razóns de tempo ou dependendo do torneo, este sistema de puntuación pode modificarse, tendo que comunicarllo previamente ao/á xogador/a ou equipos antes de comezar o partido.

Non hai límite de tempo para gañar un punto, pero hai que xogar o ringo o máis rápido posible unha vez é recibido.

O comezo do partido será do seguinte xeito:

  • O/a xogador/a ou un/ha representante por parella ou equipo deciden, por sorteo e en presenza de quen arbitre, que equipo escolle primeiro entre estas dúas opcións:

    • Opción 1: Sacar ou recibir no primeiro set, ou

    • Opción 2: escoller o lado da cancha.

  • O outro equipo ou xogador/a queda coa opción restante.

  • Se hai que xogar o terceiro set, volve a facerse este sorteo.

No segundo set sacará o/a xogador/a ou equipo que non comezou sacando no primeiro set.

O cambio automático entre lados na cancha sucede:

  • En individuais, cando un/ha xogador/a chegue a 8 puntos.

  • Cando se xoga con dous ringos, en dobres, mixto ou equipos, cando cheguen a 8 ou 8+1 puntos, xa que en cada xogada dispútanse dous puntos.