No inicio de cada actividade interactiva aparece un botón de play para escoitar un audio que explica aos nenos e nenas que non saiban ler, como resolver a actividade.
Os animais infiltrados
Este é un xogo de atención na escoita, e de memoria. Deberán dicir se é verdadeiro ou falso que o animal da imaxe aparece no conto. Debaixo dos verdadeiros, está escrito o nome do personaxe para axudalos a lembrar.
Podemos repetir o xogo en función do resultado obtido, pero tamén vale para comprobar despois dunha semana canto recordan do conto. Os animais que si están no conto desta lista son: aguia, paxaro (lambón), gaivota, peixe, cullarapo e ra.
Parellas de animais
É un xogo de memoria visual. Deben ir emparellando os animais idénticos, premendo nas tarxetas de dúas en dúas.
As estacións do ano
Para repasar as estacións do ano e os meses incluídos en cada unha delas. As catro estacións aparecen nunhas tarxetas desordenadas que deben colocar, comezando pola primavera.
As nosas árbores
Para poder facer este xogo, a clase ten que estar familiarizada coas follas e froitos das árbores seguintes: castiñeiro, abeleira, cerdeira, carballo e limoeiro. Podería axudar ter as fotos na clase a modo de fichas (ver descargas).
No xogo aparecen os froitos á esquerda e no grupo da dereita están as follas das árbores, parte claramente identificadora.
Letras viaxeiras
Sinxelo xogo de encher ocos en palabras relacionadas co conto, que son: lobo, Salva, peixe, cullarapo, ra, árbore, gaivota, río e nadar.
Contan coa axuda de imaxes que ilustran os conceptos e os nomes.