Comezamos
Propomos realizar varias lecturas/escoitas do conto. En cada escoita ou lectura podemos ir variando as actividades, aprendendo o novo léxico e profundando nos significados do conto. Deste xeito poden acceder a máis niveis de comprensión e aprender as palabras importantes.
Intentemos manter presente a intención de divertir e entreter que teñen o audioconto e a canción. O cal non impide que profundemos e traballemos diferentes aspectos da nosa programación mediante estas unidades didácticas que espero che resulten amenas e útiles. A que segue é a dinámica recomendada.
Antes da escoita
Actividade preparatoria para a primeira lectura/escoita
Sempre, antes de realizar unha primeira escoita, deberá haber unha actividade preparatoria.
Coñecer o léxico novo, formar unha imaxe mental dos animais que protagonizan o conto, pode axudar enormemente á comprensión do mesmo e a empatizar cos personaxes. Asegurémonos de que coñecen o léxico novo, que traballarán posteriormente mediante os xogos desta unidade.
En anteriores contos de "Contiños para despertar versos" xa nos achegamos ao mundo do río. Neste caso, imos coñecer un pouco máis as fragas ou bosques galegos e as súas árbores. E o mundo dos peixes.
Busquemos información sobre posibles lugares que visitar co alumnado: fragas, árbores senlleiras, acuario...
Nas actividades hai algúns enlaces para obter información.
Primeira escoita
Escoitamos de corrido o audioconto sen detelo para dar explicacións. Haberá ocasión para iso despois ou ben durante unha segunda escoita se o consideramos necesario. Este conto é algo máis extenso que o resto deste proxecto, polo que, en función da idade e atención do alumnado, escoitarémolo todo nun día ou ben dividirémolo en dous. No "Conto para ensinantes" está indicado o mellor punto para parar.
Unha segunda escoita pode darse no mesmo día pero é mellor realizala un día distinto. Podemos comezar esta segunda escoita tentando lembrar algúns aspectos do conto: que lembras do que sucedeu? Por que o chaman "peito de lobo"? A quen axudou? Que problema tivo e quen o axudou a el? Cal era a misión de Salva? Isto é o que chamamos unha actividade de escoita recapituladora e é útil tamén para exercitar a memoria.
O salmón da foto, saltando río arriba, pode levarte a unha páxina moi interesante e completa que tamén aparece no conto "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar". É a páxina do profesor Secundino Lorenzo, un namorado dos ríos galegos.
Posta en común
|
O obxectivo desta conversa coa clase é ver canto comprenderon do conto, que ensinanza extraen del, que emocións lles provocan. Aproveitamos para observar ata que punto son capaces de respectar as normas da conversa que lles propomos. Se vemos que lles é complicado, recurriremos ao pau máxico da fala ou ben o gorro falador. Só quen o ten, pode falar. E non vale agarralo con mans e pés! Deixamos que o alumnado comparta as súas sensacións e ideas en voz alta, axudando así á comprensión daqueles nenos ou nenas que puideron distraerse en algún punto e perder parte do contido. Deixa que o pau máxico te leve a ti e ao teu alumnado a un vídeo no que podes ver os salmóns remontando o río, xa que Salva en realidade é un salmón. |
Tan importante é que toda a clase participe en algún momento, como evitar os posibles "monólogos" do alumnado máis participativo.
Este método chámase REFLEXIÓN EN VOZ ALTA. É un recurso moi potente para explicitar microhabilidades co resto da clase de xeito que os demais as aprendan ou perfeccionen.
