Antes de escoller actividades deste apartado, convén mirar as actividades preliminares que veñen no apartado anterior de "Dinámica de aula". Logo, en función do perfil da clase, as súas preferencias e necesidades, podemos desenvolver algunha destas actividades ou todas elas. É moi posible que isto nos leve a realizar de novo escoitas parciais ou completas do conto, como xa indicamos no apartado anterior sobre dinámicas.
Recomendamos documentar en vídeo e/ou audio as actividades para que logo teñas máis material para a actividade final.
Teatriño
A aprendizaxe en movemento é interesante porque nos permite variar o estilo de aprendizaxe e de paso, propor unha actividade de corte lúdico e creativo.
Repartimos os papeis en colaboración co alumnado. O resto fará de público. Hai máis contos! Non hai por que discutir se todos queren participar. Tampouco nos preocupa que o resultado sexa perfecto. Practicamos simplemente unha forma de aprendizaxe en movemento. Preparamos as escenas. Podemos preparar tamén algún complemento a modo de atrezzo, en particular, podemos confeccionar sinxelas caretas cos animais do conto ou ben con pintura de cara, facer un sinxelo patrón de cor que indique de que animal se trata (verde, para o cullarapo, naranxa para Salva, branco para as gaivotas, etc.). Lanzamos o audio e, axudados por indicacións do/da ensinante, comeza o xogo.
É importante descargar ao alumnado da ansia dun resultado correcto. O importante é que participen con interese e se divirtan. Isto axudará a que comprendan o comportamento dos personaxes.
Finalmente, podemos propor ao público que reflexione de novo (agora que viron as accións e non so as escoitaron) sobre os aspectos máis relevantes do conto.
Non esquezas gravalo en vídeo!
No conto de "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar" abórdase o tema do acoso. En "O peixe Salva, peito de lobo" non se trata explicitamente, pero si existe unha presión social sobre o protagonista que, a pesar diso, é quen de seguir o seu camiño, a súa misión. Aínda sendo tan pequenos, poderiamos comezar a falar da presión do grupo e da necesidade de decidir por nós mesmos/as. Co consello de persoas adultas, se o precisaran. Poderiamos escenificar situacións cotiás nas que isto poida suceder: un neno ou nena que se porta mal e que quere convencer aos demais de seguilo...por poñer un exemplo. Que facer se vemos que un neno ou nena se porta mal con outro ou o insulta. A quen recorrer.
Bailamos e cantamos
No apartado "Poesía e música" está o pentagrama e máis un audio que te pode axudar a que aprendan a canción de Salva peito de lobo.
|
Inspirados pola escenificación da actividade anterior, podemos inventar en colaboración co noso alumnado unha sinxela e descriptiva coreografía para a canción mentras a van cantando. Grava todo para a actividade final. |
|
Segunda escoita. Reflexionamos.
Podemos recurrir ao audioconto, que iremos parando según queremos tratar certos temas, ou o/a ensinante pode lelo ao ritmo da clase. Se é posible, podemos convidar a un familiar (avó ou avoa, por exemplo) a que veña lerlles o conto. Deste xeito terán outro modelo oral. Ben podería ser un alumno ou alumna de cursos superiores quen realice esta segunda lectura, involucrando á escola na unidade didáctica.
Nesta segunda e nas sucesivas escoitas, se as houber, xa se pretende que o alumnado participe na narración repetindo as pasaxes suxeridas (ver as notas no exemplar do conto para ensinantes) e que aprendan a cantar a canción.
No que se refire ao contido 6: automotivación e 7: colaboración como medio para resolver problemas, traballaremos coa clase mediante a reflexión en voz alta, como xa se dixo, pero tamén é un método de traballo en si mesmo. Aconsello propor dinámicas grupais nos que a colaboración sexa o medio para chegar ao obxectivo. Comentaremos coa clase: sería diferente o conto se Salva non axudase ao cullarapo? Como tería cambiado? Preténdese transmitir a idea de que hai que axudar aos seres sen mirar ao beneficio persoal. Simplemente porque axuda a crear un mundo mellor para toda a xente. Tamén se quere transmitir que a automotivación é unha ferramenta moi potente que nos axuda a realizar proxectos e superar obstáculos. No conto de "A pedra Criticricrí" hai vídeos para aprender a xestionar as emocións negativas, que poden resultar útiles se fose preciso abordalas.
Que sinto cando me critican ou din que fago algo mal? Que sinto cando me insultan? Que intenten recordar cando lles sucedeu. E pola outra banda: sei criticar de maneira que non fira os sentimentos das persoas? Buscamos a empatía: que se poñan no lugar da outra persoa. E tamén que se defendan destas situacións dun xeito asertivo e non agresivo ou entristecendo.
É moi importante saber etiquetar correctamente as propias emocións aínda que sexa cun léxico sinxelo debido á idade do alumnado. Saber diferenciar a decepción da tristeza, ou da preocupación. E aprender a xestionar esas emocións negativas. No fondo do menú, en "Descargas" atoparás un ficheiro adxunto con cariñas de ra que expresan diferentes emocións e que poden converterse en caretas para escenificar situacións nas que senten esas emocións. Ademais, no conto "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar" hai un xogo para recoñecer estas expresións faciais (información non verbal).
Para traballar todo o anterior, ademais das escenificacións do alumnado, pode facerse mediante marionetas ou peluches, xa que axudará a distanciarse un pouco das propias emocións, facilitando a expresión das mesmas. Ou ben emprega estes personaxes, que podes recortar, pegar en cartolinas e cun pauciño (como os dos xeados) pegado detrás, son doados de manipular. Estes e outros personaxes, podes atopalos en "Descargas":
Primeiro lemos as expresións faciais (información non verbal). Imaxinemos agora co alumnado en que situación ou por que motivo se senten así os personaxes. Podemos representalo? "Cando te sentes ti así?"
Na ficha en "Descargas" verás outra serie de personaxes que poden intervir en situacións nas que os critican polo seu aspecto ou ben pola actividade que realizan ("Que mal o fas", "Vaia parvada facer iso", "Non sei como che gusta iso..." E así poden practicar cal pode ser a súa resposta emocional e verbal.
Aprendendo coas mans
Nos "Contiños para despertar versos" sempre se propón unha actividade final para compartir coas familias e co resto da escola. Nesta ocasión imos precisar moitos animaliños que podemos facer con sinxelas manualidades. Non hai por que facer todas ou ben podemos facer grupos na clase para que cada grupo faga un certo número de exemplares do mesmo animal: o grupo que fai ras, o grupo que fai serpes, etc
Podemos incluír parte dos materiais recollidos na fraga se tivemos ocasión de facer unha saída escolar coa clase. É moi fácil pegar unha piña pola base a un cartonciño e colocarlle uns ollos e unhas manciñas. Non é exactamente un animal pero vainos valer para a ambientación na actividade final e é especialmente sinxelo de facer co alumnado máis pequeno. Se os ollos son ben grandes, pode ser un moucho. Se a pintamos de branco e area, unha curuxa. O peteiro podemos facelo pegando unha pipa de xirasol.
Se te adiantas e botas unha ollada á actividade final, podes contextualizar as actividades que se propoñen aquí. Se xa traballaches a actividade final do conto "A pedra Criticricrí", ben se podería aproveitar aquel río para integralo na actividade final para crear o hábitat de Salva, peito de lobo.
Nos vídeos que hai a continuación danse varias ideas seleccionadas pola súa simple realización.
No primeiro e segundo vídeo podemos aprender a pintar árbores con puntiños ou ben facelos en cartolina. No terceiro, con paus de xeados, faremos paxariños que podemos pintar de diferentes cores e colocar polas nosas "árbores" na actividade final. Nas manualidades nas que se emprega silicona quente, podemos substituíla por cola para maior seguridade. No cuarto vídeo, fanse morcegos. No quinto, mouchos. No sexto, serpes. No sétimo, setas. E todo isto con materiais reciclados ou ben fáciles de atopar. Por último, no vídeo oito, peixes. E no nove, ras que dan saltos, coas que poden xogar e botar carreiras.
Investigamos
|
Como os ríos galegos aparecen en varios contos de "Contiños para despertar versos", verás que en cada conto se estuda algo diferente. Neste, loxicamente, estudaremos os peixes máis coñecidos (tamén pode haber peixes de mar) e as fragas ou bosques. A un nivel adecuado para a idade da clase. Nas fragas estudaremos as árbores, pero preto da escola ou na escola mesma, puidera haber árbores máis típicas dos espazos urbanos. E estas tamén merecen a nosa atención e protección. Así que antes de nada, miraremos con que árbores podemos contar na nosa contorna máis inmediata. Logo, comprobaremos se hai algunha fraga, aínda que sexa pequena; por exemplo, a fraga arredor dun regato. Tamén buscaremos o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre máis próximo por se fose posible visitalo. En algunhas comarcas existen proxectos moi interesantes de conservación do medio natural. Así que o primeiro paso é: observación da nosa contorna e procura dos espazos físicos e virtuais máis interesantes na nosa comarca.
|
Preme na foto para ir á páxina que creou Secundino Lorenzo, un profesor apaixonado dos ríos de Galicia. No que se refire aos ríos, pode que atopes actividades, xogos e información interesante nos contos de "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar" e no de "A pedra Criticricrí". Na Guía Didáctica verás que contidos se tratan en cada conto. Pero entrando nesas unidades didácticas, podes acceder a máis información.
E premendo nas seguintes fotos podes acceder a páxinas moi interesantes para colleitar información coa que programar esta parte da unidade. Ti elixes o nivel no que traballar, e a dificultade. Pero é interesante que coñezan xa dende a primeira infancia proxectos que se están a desenvolver de protección da natureza e de difusión do patrimonio natural galego. Nunca é cedo de máis para despertar no noso alumnado a conciencia ecoloxista.
|
|
|
Na primeira foto atoparás unha ligazón á páxina da Asociación pola conservación do ecosistema forestal galego. Na segunda, unha ligazón á páxina oficial dos Centro de recuperación da fauna silvestre galega. E na última foto, o catálogo oficial de árbores senlleiras.
Espero que preto da escola haxa unha árbore senlleira. Son moitas as que xa teñen oficialmente esta categoría e de seguro que algunha destas ou outras árbores aínda non rexistradas como senlleiras, e que pagará a pena visitar e estudar. É importante que se faga traballo de campo e non só teórico e visual na clase.
Anacos de fraga
Ben seguro que no colexio ou arredor del, hai árbores. Por que non lles poñemos nome? (Se é que non o teñen xa). Colocaremos os carteliños atados ás árbores (non poñamos cravos nelas!) ou espetados con pauciños na terra. É moi sinxelo de facer con paus de xeados pintados e co nome escrito. Se despois os vernizamos, aínda aguantarán un tempiño na intemperie. Por suposto podemos extendelo a arbustos ou prantas aromáticas, se as temos no colexio. Cando as familias veñan á actividade final, os nenos e nenas poden facer de guía das súas familias por estes anacos de fraga.
Podemos dar tamén un pasiño máis e dar un nome propio (Berta, Xaquín...) a cada árbore, para realzar o feito de que é un ser vivo. Para ese paseo coas familias (e tamén coas outras clases) podemos nomear a algúns nenos e nenas ou grupos, padriños, madriñas dunha árbore concreta sobre a cal poden contar cousas que aprenderon. Por exemplo, mostrar unha folla e comparala con outras para que vexan como son as follas desa clase de árbore en particular. Facer notar a cor e textura da "pel" da árbore; dicir se hai moitas e é unha árbore común, ou pola contra é unha especie exótica; cantos anos se lle poden calcular polo tamaño, etc.
Nos xogos tamén verán árbores frutais, das que terán que identificar o froito. E para outro xogo terán que coñecer as estacións do ano a través das árbores cadicifolias.
Actividade final
Xa máis arriba se mencionou que neste conto iremos preparando a actividade final con manualidades que vaian facendo ao mesmo tempo que estudan os contidos: pinturas, debuxos, animaliños feitos con cartón e materiais reciclados, etc. Todo o imos incorporar a esta actividade. Pero tamén follas, ramiñas que vaian traendo das casas e das saídas que poidan facer coa clase. Iremos engadindo materiais novos de maneira que ao final, xa case non haberá máis que integralos nun único espazo e convidar ás familias a visitar a nosa Fraga sensorial. Imos converter unha aula, ou o espazo da escola que mellor se adapte á idea, nunha fraga. Esta imaxe da clase vista dende arriba pode dar unha idea máis clara. Vemos o túnel verde que remata na pantalla, quedando o resto da aula oculta á vista. Na nosa aula haberá escuridade (nesta imaxe non, para que se poida ver ben o debuxo).
Que materiais precisamos? Tea de ocultación verde (é barata e cómprase por metros). Corda resistente que ceda pouco co peso (como a de tender a roupa). Nunha ferretería tamén se compra por metros e o gasto non é grande.
Altofalantes para que na nosa Fraga sensorial non falten os sons típicos da fraga: mira en "Descargas", onde hai xa algúns: un de paxaros, un con son de río e un terceiro onde se mesturaron ambos, cunha longa duración. En internet hai páxinas onde se poden descargar, pero aquí tes algúns que poden dar idea do efecto buscado. Pantalla multimedial (pode ser a pantalla interactiva da clase, unha TV, unha pantalla grande conectada a un PC... para proxectar os vídeos que fomos gravando ou ben vídeos sobre fragas como estes dous que podes ver aqui abaixo. Un chama moito a atención porque é un vídeo 3D das Fragas do Eume. O outro é sobre a Fraga de Catasós (en castelán).
Como facelo? Cos materiais crearemos a ilusión de estar entrando nunha fraga. Dende a porta da clase sacaremos dúas cordas que ataremos no extremo oposto. A distancia entre as cordas irase abrindo ata rematar na nosa pantalla multimedial. Por enriba das cordas colocaremos a tea de maneira que as persoas visitantes entren por un túnel verde. As persianas deben estar baixadas. Colocaremos luces indirectas e outras luces pola parte de fóra da tea para que se volvan verdes (poden ser lámpadas ou flexos no chan ou nos pupitres, ou ben a distintas alturas). A tea terá aberturas para poder saír e entrar da instalación sensorial para arranxar estes detalles. Por dentrdo túnel, na tea penduraremos follas, pauciños, debuxos, as manualidades...e todo aquelo que poida ambientar a nosa fraga. No teito do túnel podemos pegar estrelas pintadas con pintura fosforescente ou simplemente amarelas. A luz verde e os audio crearán o efecto desexado. No fondo deste túnel verde, as persoas poderán ver os vídeos elixidos. Se non é posible usar unha pantalla, recorreremos aos códigos Qr. Aquí tes un enlace a un xerador de códigos Qr. Unha idea bonita é entregar ás familias un convite en forma de árbore, feito polo alumnado.
Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os audio ou vídeo neste mural). Primeiro debemos aloxar eses arquivos de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada vídeo seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do nome do vídeo ou unha imaxe identificativa do mesmo. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os Qr e asignalos mal.
Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os audio ou vídeo neste mural). Primeiro debemos aloxar eses arquivos de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada vídeo seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do nome do vídeo ou unha imaxe identificativa do mesmo. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os Qr e asignalos mal.
Unha árbore senlleira é unha árbore que destaca ben pola súa idade ou tamaño, ben por outras características, como a súa significación histórica, científica, etc.Cando se lle concede esta categoría, garántase a súa protección e o seu valor cultural.


