Saltar navegación

Lendo o conto

Un conto. Un poema-canción.

O pitiño que levaba medio ovo na cabeza.

ERA UNHA VEZ QUE ERA…     “O pitiño que levaba medio ovo na cabeza”

Gusaniño lendo un libro

Lendo o conto

Era unha vez un pitiño moi durmiñón. Pasaba o día durmindo e abría un ollo só cando a mamá ou o papá lle traían comida. Tanto lle gustaba estar no niño quentiño que por quitar, nin quitara a casca do ovo da cabeza de cando nacera. A el parecíalle que lle daba un non sei que, así como unha elegancia especial. Ninguén levaba con tanto estilo unha casca de ovo na cabeza. 

E non pasaba nada por ser así. Non pasaría, se non fose que…un día, abriu un ollo para comer. Co peteiro ben aberto e os olliños medio pechados para saborear mellor, para recibir o pequeno verme saboroso que lle traían para cear. Pero na boca só lle estaba entrando aire, así que cerrou o peteiro e abriu os ollos. Os dous. Coma pratos! Porque alí non había ninguén. 

Ui ui ui, pensou o pitiño. Como é posible que non veña ninguén a darme de comer? 

_Mamá? Papá?_ preguntou ao aire. E lembrou que lle falaran de que as cigoñas migran. 

_E migrarían sen min? Noooon. Im-po-si-ble! 

Pero o caso é que a noite chegaba, e logo veu o día e seguía só. Na compañía do ruído da súa barriga pola fame. 

Así que tomou unha decisión drástica. Dras…que? Pois iso, unha decisión moi difícil. Marchar. El tamén migraría e acabaría atopando a súa familia.
Así que botou a andar e sempre que atopaba a alguén, aproveitaba para preguntar pola súa xente.

_Ola!_ díxolle a un merlo.

Pitiño con sombreiro
Pixabay. Pitiño (CC0)

_Ai, que susto!_ dixo o merlo_ que paxaro tan feo!

_Eu non son feo, eu son unha ave fermosa, e levo un chapeu á última moda.

_Si, si, á última moda de París, hihihihihi_ riu o merlo. 

_Ben, é igual. Ti non verías outros paxaros así coma min?

_Así, como? Feos?

_Uuuuuu!_ O pitiño estaba perdendo a paciencia e coa rabia case lle cae a casca de ovo ao chan. _Deixa, xa vexo que non sabes nada.

_Que non sei nada? Sei calcular a forza do vento erguendo unha pluma da cabeza, sei pousar nun fío…

As últimas palabras do vaidoso merlo xa non as puido escoitar porque as levou o vento mentres se botaba a voar. 

Ai, a tripiña como lle ruxía ao noso pitiño… Pero valente, seguiu camiñando.

Entón viu ao lonxe, unha pedra moi forte e bonita que estaba tomando o sol cunhas compañeiras, parolando disto e daquilo.

_Señora pedra, non é que vostede me podería axudar a atopar a miña mamá ou o meu papá?

_Ai, que susto! Que paxaro tan feo!_dixo a pedra.

_Eu non son feo, eu son unha ave fermosa, e levo un chapeu á última moda.

_Hahahaha riron con moito estrondo todas as pedras e penedos da contorna. 

_Boh! Xa vexo que non sabedes nada.

_Oh, que desvergoñado! Que non sabemos nada? Nós vimos pasar o tempo dos homes e das mulleres. Vimos medrar a herba cada primavera e …

O resto xa non o entendeu porque o pitiño botou a andar e o vento levou as palabras das pedras lonxe, moi lonxe. Era visto que non o ían axudar.

_Despois de camiñar un tempo (non sei canto porque os pitiños non teñen reloxo), atopou un río. E no río, unha pedra. E na pedra, unha ra moi fachendosa, co peito todo botado cara adiante. 

_Boa tarde, señora ra do río. 

_Ai, que susto! Que paxaro tan feo!_ dixo a ra.

Ra verde
Pixabay. Ra verde (CC0)

_Eu non son feo, eu son unha ave fermosa, e …_ e xa non rematou, canso de dicirlle a toda a fraga o mesmo.

_E nada. Estou aquí concentrada _dixo a ra_ para que o sol faga brillar a miña pel e veñan os mosquitos a pousarse para podelos comer.

_Eu tamén teño fame_ dixo o pitiño.

_Pois ponte, ponte aquí ao pé de min e brilla, brilla!

_Boh, xa vexo que non sabes nada de nada. Os pitiños non brillamos, porque se nos mollamos, non damos voado.

_Que non sei nada…?

E sen agardar a resposta da presumida ra, botou a camiñar.

Xa comezaba a desesperar cando sentiu unha música fermosa, estraña.

El nunca sentira unha música tan bonita que facía bailar o corazón. E facía que os ollos se mollaran un pouquiño, así como para chorar pero sen estar triste.

_Pero, quen fará esa música tan fermosa?_ e botou a andar ao encontro desa criatura musical.

Cando chegou onda ela, viu que non era unha soa, senón que moitas árbores cantaban xuntas

_Señora árbore, gústame moito como canta_ díxolle esquecendo de todo o que lle quería preguntar.

_Ai, que susto!

_Xa sei, xa sei. Son un paxaro moi pero que moi feo.


_Como? Pero quen che dixo esa parvada? Non hai criaturas feas, só ollos que miran o que non é importante.

E ti ademais es fermoso, con ese chapeu tan elegante…

O pitiño sentiu por primeira vez que alguén o comprendía e contoulle todo o que lle pasara dende que se atopara soíño no niño.

_Pois eu ben che quixera axudar_ dixo a árbore con aquela voz cantareira que máis que falar, cantaba_ pero non che sei onde poden estar.

_É que teño tanta fame_ e a barriguiña comezou a ruxir coma un león.

_Ven, achégate un pouco máis. Ves no meu tronco un burato?

_Vexo.

_Pensas que poderías voar ata alí?

Esquío comendo
           Pixabay. Esquío (CC0)

_Podo, oh!_ E así o fixo.

Entrando no burato, de seguida sentiu un oloriño a casa, casiña, a niño. E viu dous olliños redondos pequeniños. Non…catro!. Ui, pero… 

_Quen anda aí?_ dixo cun pouco de  medo.

_Somos os esquíos deste piñeiro_ dixeron todos á vez.

-Non teñas medo._ E dito e feito! O pitiño rapidamente fixo boas migas cos esquíos, que nos días seguintes o axudaron a atopar comida.

Os días pasaban así: xogando cos esquíos árbore arriba, árbore abaixo, e xogando ás agachadas nas matogueiras. E contra a tardiña, todos cantaban a canción dos piñeiros. E logo, durmían todos xuntiños no burato, ui, perdón, na casiña dos esquíos.

Pero o pitiño non esquecía a mamá, o papá e os irmáns. E ás veces andaba un pouquiño triste porque ninguén sabía dicirlle onde andarían e por que non o levaran con eles.

Ata que un día de moito sol, estaba el arranxando ben a súa casca de ovo, colocándoa na cabeza do xeito máis elegante posible, cando sentiu que alguén o chamaba:

_Piti, pitiiiiiño. Piti, pitiiiiiiño.

_Pero, pero…Mamá!!!!!_ E si, aí baixaba a mamá do pitiño voando con tanta graza que nunca no ceo se vira cousa tan fermosa. E tan grande que tapaba o sol!

_Ai, meu filliño querido. Pero onde te meteras?_dixo envolvéndoo coas súas grandes ás.

_É que marchastes…

_Non, pitiño querido, fomos buscar unha comidiña boa para celebrar que iades dar o voso primeiro voo arredor do niño. E cando volvemos, xa non estabas alí. Toliño, por que non esperaches a que volvéramos?

_Ai, mamá, non me rifes, que non o farei máis.

E grande, moi grande foi a festa que celebraron. Pero desta vez no só as cegoñas, senón tamén os piñeiros todos, que cantaron, e os esquíos, e as pedras, e a señora ra e os paxaros todos. Unha festa como non se vira outra.

E así é como remata o conto da cegoña que se fixo amiga dun piñeiro e duns esquíos.

 

Lendo o poema

Piti pitiño,                                      

Paxaros sobre árbores
Pixabay. Paxaros nas árbores (CC0)

onde vas tan soíño?

Piti, pitiño, 

ti que es tan pequeniño.


Eu busco á miña nai,

eu busco ao meu pai.

Perdinme só no monte

Aiaiai  aiaiai


Piti pitiño,

ven ao noso niño

Piti pitiño, has estar quentiño.

 

Eu busco á miña nai,

eu busco ao meu pai.

Perdinme só no monte

Aiaiaiaiaiai

 

Merlos e pedras

non o van axudar.

Só se divirten

a del se burlar.


Piti, pitiño,

ti es tan bonitiño

Piti, pitiño,

xa non estás soíño!

Lalalalala 

 

Lembra que tamén é canción! Busca no apartado "Poesía e música" e poderás ver o pentagrama e escoitar a melodía.

 

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0