Saltar navegación

Conto para ensinantes

O pitiño que levaba medio ovo na cabeza. Conto anotado.

Suxestións pinchando nas partes suliñadas

ERA UNHA VEZ QUE ERA…

"O pitiño que levaba medio ovo na cabeza"

Era unha vez un pitiño moi durmiñón. Pasaba o día durmindo e abría un ollo só cando a mamá ou o papá lle traían comida. Tanto lle gustaba estar no niño quentiño que por quitar, nin quitara a casca do ovo da cabeza de cando nacera. A el parecíalle que lle daba un non sei que, así como unha elegancia especial. Ninguén levaba con tanto estilo unha casca de ovo na cabeza. 

E non pasaba nada por ser así. Non pasaría, se non fose que…un día, abriu un ollo para comer. Co peteiro ben aberto e os olliños medio pechados para saborear mellor, para recibir o pequeno verme saboroso que lle traían para cear. Pero na boca só lle estaba entrando aire, así que cerrou o peteiro e abriu os ollos. Os dous. Coma pratos! Porque alí non había ninguén. 

Ui ui ui, pensou o pitiño. Como é posible que non veña ninguén a darme de comer? 

_Mamá? Papá?_ preguntou ao aire. E lembrou que lle falaran de que as cegoñas migran. 

_E migrarían sen min? Noooon. Im-po-si-ble! 

Pero o caso é que a noite chegaba, e logo veu o día e seguía só. Na compañía do ruído da súa barriga pola fame. 

Así que tomou unha decisión drástica. Dras…que? Pois iso, unha decisión moi difícil. Marchar. El tamén migraría e acabaría atopando a súa familia.

Así que botou a andar e sempre que atopaba a alguén, aproveitaba para preguntar pola súa xente.

_Ola!_ díxolle a un merlo. 

_Ai, que susto!_ dixo o merlo_ que paxaro tan feo!

_Eu non son feo, eu son unha ave fermosa, e levo un chapeu á última moda.

_Si, si, á última moda de París, hihihihihi_ riu o merlo.

_Ben, é igual. Ti non verías outros paxaros así coma min?

_Así, como? Feos?

_Uuuuuu!_ O pitiño estaba perdendo a paciencia e coa rabia case lle cae a casca de ovo ao chan. _Deixa, xa vexo que non sabes nada.

_Que non sei nada? Sei calcular a forza do vento erguendo unha pluma da cabeza, sei pousar nun fío…

As últimas palabras do vaidoso merlo xa non as puido escoitar porque as levou o vento mentres se botaba a voar. 

Ai, a tripiña como lle ruxía ao noso pitiño… Pero valente, seguiu camiñando.

Entón viu ao lonxe, unha pedra moi forte e bonita que estaba tomando o sol cunhas compañeiras, parolando disto e daquilo.

Ovo con patas de pitiño
Pixabay. Ovo (CC0)

_Señora pedra, non é que vostede me podería axudar a atopar a miña mamá ou o meu papá?

_Ai, que susto! Que paxaro tan feo!_ dixo a pedra.

_Eu non son feo, eu son unha ave fermosa, e levo un chapeu á última moda.

_Hahahaha riron con moito estrondo todas as pedras e penedos da contorna.

_Bo! Xa vexo que non sabedes nada.

_Oh, que desvergoñado! Que non sabemos nada? Nós vimos pasar o tempo dos homes e das mulleres. Vimos medrar a herba cada primavera e … 

O resto xa non o entendeu porque o pitiño botou a andar e o vento levou as palabras das pedras lonxe, moi lonxe. Era visto que non o ían axudar.

_Despois de camiñar un tempo (non sei canto porque os pitiños non teñen reloxo), atopou un río. E no río, unha pedra. E na pedra, unha ra moi fachendosa, co peito todo botado cara adiante. 

_Boa tarde, señora ra do río. 

_Ai, que susto! Que paxaro tan feo! dixo a ra.

_Eu non son feo, eu son unha ave fermosa, e …_ e xa non rematou, canso de dicirlle a toda a fraga o mesmo.

_E nada. Estou aquí concentrada _dixo a ra_  para que o sol faga brillar a miña pel e veñan os mosquitos a pousarse para podelos comer.

_Eu tamén teño fame_ dixo o pitiño.

_Pois ponte, ponte aquí ao pé de min e brilla, brilla!

_Bo, xa vexo que non sabes nada de nada. Os pitiños non brillamos, porque se nos mollamos, non damos voado.

_Que non sei nada…?

E sen agardar a resposta da presumida ra, botou a camiñar.


Xa comezaba a desesperar cando sentiu unha música fermosa, estraña. El nunca sentira unha música tan bonita que facía bailar o corazón. E facía que os ollos se mollaran un pouquiño, así como para chorar pero sen estar triste.

_Pero, quen fará esa música tan fermosa?_ e botou a andar ao encontro desa criatura musical.

Cando chegou onda ela, viu que non era unha soa, senón que moitas árbores cantaban xuntas

_Señora árbore, gústame moito como canta_ díxolle esquecendo de todo o que lle quería preguntar.

_Ai, que susto!

_Xa sei, xa sei. Son un paxaro moi pero que moi feo.

_Como? Pero quen che dixo esa parvada? Non hai criaturas feas, só ollos que miran o que non é importante. E ti ademais es fermoso, con ese chapeu tan elegante…

esquío debuxado cunha landra na man
Pixabay. Esquío (CC0)

O pitiño sentiu por primeira vez que alguén o comprendía e contoulle todo o que lle pasara dende que se atopara soíño no niño.

_Pois eu ben che quixera axudar_ dixo a árbore con aquela voz cantareira que máis que falar, cantaba_ pero non che sei onde poden estar.

_É que teño tanta fame_ e a barriguiña comezou a ruxir coma un león.

_Ven, achégate un pouco máis. Ves no meu tronco un burato?

_Vexo.

_Pensas que poderías voar ata alí?

_Podo, oh!_ E así o fixo.

Entrando no burato, de seguida sentiu un oloriño a casa, casiña, a niño. E viu dous olliños redondos pequeniños. Non…catro!. Ui, pero… 

_Quen anda aí?_ dixo cun pouco de  medo.

_Somos os esquíos deste piñeiro_ dixeron todos á vez.

_Non teñas medo._ E dito e feito! O pitiño rapidamente fixo boas migas cos esquíos, que nos días seguintes o axudaron a atopar comida.

Os días pasaban así: xogando cos esquíos árbore arriba, árbore abaixo, e xogando ás agachadas nas matogueiras. E contra a tardiña, todos cantaban a canción dos piñeiros. E logo, durmían todos xuntiños no burato, ui, perdón, na casiña dos esquíos.

Pero o pitiño non esquecía a mamá, o papá e os irmáns. E ás veces andaba un pouquiño triste porque ninguén sabía dicirlle onde andarían e por que non o levaran con eles.

Ata que un día de moito sol, estaba el arranxando ben a súa casca de ovo, colocándoa na cabeza do xeito máis elegante posible, cando sentiu que alguén o chamaba:

_Piti, pitiiiiiño. Piti, pitiiiiiiño.

_Pero, pero…Mamá!!!!!_ E si, aí baixaba a mamá do pitiño voando con tanta graza que nunca no ceo se vira cousa tan fermosa. E tan grande que tapaba o sol!

_Ai, meu filliño querido. Pero onde te meteras?_dixo envolvéndoo coas súas grandes ás.

_É que marchastes…

_Non, pitiño querido, fomos buscar unha comidiña boa para celebrar que iades dar o voso primeiro voo arredor do niño. E cando volvemos, xa non estabas alí. Toliño, por que non esperaches a que volvéramos?

_Ai, mamá, non me rifes, que non o farei máis.

E grande, moi grande foi a festa que celebraron. Pero desta vez no só as cegoñas, senón tamén os piñeiros todos, que cantaron, e os esquíos, e as pedras, e a señora ra e os paxaros todos. Unha festa como non se vira outra.

E así é como remata o conto da cegoña que se fixo amiga dun piñeiro e duns esquíos.

As escenas dialogadas son  idóneas para escenificar partes do conto co alumnado. Mesmo preparando como atrezzo as plumas do merlo e a casca de ovo, etc.

Realizar a primeira lectura co alumnado máis pequeno sen deterse. Nunha segunda ocasión, xa poden colaborar repetindo as partes que se sinalarán. Con alumnado algo máis grandiño (mesmo 1º e 2º de primaria, xa se pode xogar na primeira lectura. Aquí, repiten a coro e marcando as sílabas: IM-PO-SI-BLE negando coa cabeza.Poden tamén facer o ruído da barriga coa fame.

Despois da lectura reflexionaremos coa clase sobre os estereotipos de beleza. (Ver no apartado "Actividades").

Despois de escoitar o conto, reflexionamos coa clase sobre o comportamento dos diferentes personaxes. (Ver apartado "Actividades").

Ri a clase toda a continuación imitando as pedras.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0