No inicio de cada actividade interactiva aparece un botón de play para escoitar un audio que explica aos nenos e nenas que non saiban ler, como resolver a actividade.
As cores
Para nenos e nenas que están aprendendo as cores. En cada audio dise unha cor e deben decidir se esa é a cor do paxariño do debuxo. Na retroacción, mediante un audio, indícaselles se acertaron ou non e dise de que cor é o pitiño do debuxo.
Os alimentos
Este é un xogo moi sinxelo que pretende só servir como escusa para falar dunha correcta alimentación. No xogo deben decidir se colocar o alimento no carro da compra (se é bo) ou no lixo se debemos evitalo ou compralo e comelo pouco). Tamén podemos reflexionar con eles e elas como facer correctamente unha compra (consumo responsable e non guiados pola publicidade): cunha lista, cun orzamento aproximado, consultando prezos e pensando na nutrición e non só no gusto do noso padal. Se che parece conveniente ou necesario, podes implicar ás familias neste xogo: que o fillo ou filla colabore na compra dende a súa planificación ata gardala na despensa, e por que non, cociñala naquelas partes do proceso que non supoñan perigo. Botando alimentos ao lixo podemos concienciar a clase, se o precisa, sobre a reciclaxe e a compostaxe.
Arrastrando cada alimento, se o deixan no lugar correcto, queda fixo. E se é incorrecto, volve automáticamente ao lugar orixinal na mesa de traballo.
Letras viaxeiras
Neste xogo hai que completar os nomes dos personaxes coas letras que faltan. Como axuda, hai unha imaxe para identificar cada animal e personaxe.
Animais infiltrados
É un vídeo interactivo no que o vídeo se vai pausar para que indiquen se é verdadeiro ou falso que ese animal pertence ao conto. Cada animal ten imaxe e tamén son. As instrucións están no mesmo vídeo e tamén antes da actividade.
Parellas de animais
Un sinxelo xogo de memoria visual. Teñen que emparellar as imaxes idénticas premendo nas tarxetas de dúas en dúas.