Imos ata o Romanticismo francés!
Recoñeces algunhas das melodías que entoamos?
A melodía 6 é o tema principal da obra Danza Macabra do compositor francés Camille Saint-Saëns.

Camille Saint-Saëns naceu en París no século XIX (1835). É un compositor que viviu todo o Romanticismo, a súa época de apoxeo así como o seu declive xa no s. XX. Coñeceu a música de compositores tan diferentes como Donizetti ou Liszt ata Stravinsky.
Non só compuxo obras musicais; interesábanlle outros campos como a botánica, as matemáticas, incluso a astronomía (tiña un gran telescopio); facía coincidir os seus concertos con eventos como eclipses solares.
As súas obras son de corte clásico. Foi o primeiro gran músico que escribiu música para cinema.
A Danza Macabra op. 40 é un poema sinfónico (obra baseada nun poema) que recrea a Danza da morte, para orquestra cun solo de violín. Estreouse en 1875 en París, tendo moi boa acollida.
Representa o Día de Defuntos, no que a Morte, tocando o violín, esperta aos esqueletos, que danzan toda a noite; ao amencer, co canto do galo, os mortos volven ás súas tumbas. A melodía que cantamos é o tema do violín.
Hai moitas representacións gráficas (animacións, cadros, etc) que amosan o que representa esta peza.