UDI 4. "De roda en roda"
A canción
Aquí tes a letra (en galego) e máis abaixo aparecen os audios para que poidas practicar: a melodía e o acompañamento, só a melodía e só o acompañamento.
Ánimo!
Melodía:
Acompañamento:
Melodía e acompañamento:
Voz e acompañamento:
Os xéneros da música galega
O pobo empregaba a música, como noutras culturas, por numerosos motivos: expresar as súas inquedanzas, transmitir normas sociais, protexerse de males e atraer favores divinos, celebrar acontecementos, divertirse, facilitar o traballo, etc.
Deste xeito xurdiron os diferentes xéneros musicais. Imos coñecer algúns dos máis importantes, sempre tendo en conta que dependendo da zona hai modificacións na letra, nos instrumentos, etc:
- Cantos de Nadal: Os aninovos (cantábanse a última noite do ano) e os reis ou panxoliñas (cantábanse ao redor do 6 de xaneiro e contaban o nacemento do neno Xesús). Todos remataban pedindo o aguinaldo, é dicir, pedindo agasallos ou invitación a chourizos, viño ou larpeiradas.
- Cantos de Entroido e os Maios: cancións que se empregaban para criticar os acontecementos que tiveran lugar durante o ano. Os maios están relacionados coa árbore, e hoxe en día seguen a facerse.
- Os cantos de traballo: servían para acompañar o traballo e aliviar a soidade e a rudeza do mesmo, como os cantos de arada, cantos de arrieiros, as espadeladas (mazar o liño), entre outros.
- Os cantos de berce: de arrolo ou arrorrós, empregados para adormecer os cativos, con ritmo pausado e temática infantil, como a que xa vimos en Polonia.
- Os alalás: son as formas máis antigas coñecidas. Cantábanse sen acompañamento instrumental e con ritmo libre, normalmente lento.
- As regueifas e desafíos: participan dous grupos que van respondéndose con letras a xeito de escarnio ou insulto, sendo ás veces improvisadas. Tamén están os parrafeos, diálogos amorosos entre home e muller.
- Os cantos de cego e romances: servían para narrar os sucesos históricos, noticias da época ou asuntos sociais. Foron as primeiras letras que se venderon impresas.
A canción que estamos aprendendo, trátase dunha cantiga de roda, que son brincadeiras infantís onde normalmente se forma unha roda coas mans mentres se canta a letra e se fai unha coreografía.
Este tipo de cantigas caracterízanse por ter melodías con ritmos áxiles e fáciles de lembrar.
Soen ser anónimas e transmitidas de xeración en xeración, é dicir, por transmisión oral.
Dánse en moitas culturas, non só na galega, como en Portugal, Brasil, África, entre outras.
Os xéneros musicais en Galicia
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0