INTRODUCIÓN
Este recurso foi deseñado para ser utilizado na área de Ciencias da Natureza, nos niveis de 5º e 6º de educación primaria. A planificación desta secuencia didáctica está organizada para seguir a metodoloxía da clase invertida (flipped classroom, véase https://www.theflippedclassroom.es/what-is-innovacion-educativa/), aínda que se pode adaptar facilmente a outras propostas metodolóxicas máis clásicas. A través desta secuencia, o alumnado comprenderá, dun xeito máis vivencial, conceptos fundamentais presentes no medio natural, e posibilitaralle a oportunidade de relacionar coñecementos de diferentes áreas no desenvolvemento das actividades propostas.
OBXECTIVOS
Segundo os obxectivos establecidos no Decreto 105/2014 polo que se establece o currículum para a etapa de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a través deste recurso didáctico o alumnado desenvolverá os seguintes obxectivos:
-
Coñecer e apreciar os valores e normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con ela, prepararse para o exercicio da cidadanía e respectar o pluralismo.
-
Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, actitudes de confianza nun mesmo, o sentido crítico, a iniciativa persoal, a curiosidade, interese e creatividade.
-
Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega.
-
Coñecer aspectos fundamentais das Ciencias da natureza.
-
Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.
CONTIDOS
-
O son. Calidades do son.
-
As ondas sonoras.
-
A barreira do son.
-
Efectos acústicos: eco, reverberación e resonancia.
-
O sentido do oído. Partes do oído.
-
Funcionamento dun sonar.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
- Comprender que é o son, as súas principais características e outros aspectos relacionados con el.
- Distinguir os diferentes efectos acústicos: eco, reverberación e resonancia.
- Coñecer o órgano do sentido e cales son as súas partes.
- Aproximarse ao funcionamento dun sonar e as súas aplicacións.
- Expresarse con corrección de forma oral e escrita.
- Desenvolver as destrezas necesarias para traballar en equipo.
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
- Explica que é o son e recoñece as súas principais características.
- Identifica os diferentes efectos acústicos: eco, reverberación e resonancia.
- Coñece o órgano do sentido e as súas partes.
- É quen de explicar como funciona un sonar a grandes rasgos.
- Exprésase con corrección de forma oral e escrita.
- Amosa as destrezas necesarias cando desenvolve tarefas en equipo.
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
Como se avanzou na introdución desta guía, a proposta para este recurso consiste en desenvolver na aula a metodoloxía da clase invertida, de xeito que sexa o alumnado o que individualmente traballe o recurso para despois levar a cabo na aula a participación conxunta na resolución de dúbidas e conclusións, así como realizar en grupos as actividades recollidas nesta guía. A meirande parte das actividades están deseñadas para ofrecerlle ao alumnado oportunidades para realizar tarefas grupais e activar as destrezas persoais necesarias para o traballo cooperativo, e teñen como finalidade abrirse ao resto da comunidade educativa.
ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
Este recurso é aberto, é dicir, posúe a característica de ser modificable, de xeito que o docente pode adaptalo segundo as necesidades do alumnado. O carácter multimedia facilita a comprensión dos contidos ao estimular varios sentidos a vez; como suxestión pódese ir revisando o visionado e deténdose nas fases dos experimentos para insistir en cada etapa, así como repetir a secuencia as veces que sexa necesario, no caso do alumnado con dificultades de comprensión. Por outra banda, inclúese un apartado "sabías que..." para que aquel alumnado con inquietudes sobre este tema poida ampliar os seus coñecementos.
ACTIVIDADES
ACTIVIDADE 1: posta en común do visionado do vídeo 1, resolución de dúbidas e reflexión sobre as conclusións. En grupos de 4 ou 5 alumnos reflexionar sobre a contaminación acústica e elaborar unha enquisa sobre o nivel de ruído (zona onde se habita, momentos do día nos que hai máis ruído, fontes do ruído…), para facerlle á comunidade educativa. A través dos resultados da enquisa, establecer porcentaxes para cada pregunta e elaborar un mapa da zona indicando as zonas onde se concentra o ruído. No seguinte enlace pódese consultar información sobre a contaminación acústica: http://www.fundacionmelior.org/content/tema/10-cosas-que-deberias-saber-sobre-la-contaminacion-acustica. Duración da actividade: 3 sesións.
ACTIVIDADE 2: reflexión en gran grupo sobre o visionado do vídeo 2, resolución de dúbidas e recollida de conclusións. Realizar por equipos o experimento sobre a resonancia na aula e explicar por escrito o que sucede, o fenómeno acústico que se manifesta e as conclusións. Duración: 1 sesión.
ACTIVIDADE 3: cada alumno elaborará un esquema individualmente, expoñendo as características dos diferentes efectos acústicos con ilustracións que axuden a diferencialos entre eles. Duración: 1 sesión.
INSTRUMENTOS PARA A AVALIACIÓN
-
Folla de rexistro coa participación durante as clases, exposición de dúbidas e reflexión sobre os vídeos.
-
Entrega de traballos: resultados da enquisa, mapa do ruído, explicación do experimento da resonancia, traballo con ilustacións sobre os efectos acústicos.
-
Rexistro individual do traballo cooperativo (observación directa, autoavaliación e coavaliación).
Para facilitar a tarea docente recomendamos consultar as rúbricas do Proxecto EDIA e adaptalas ás actividades realizadas: http://cedec.educalab.es/rubricas/
TEMPORALIZACIÓN
Esta secuencia didáctica está deseñada para desenvolverse en cinco sesións.
RECURSOS
RECURSOS DIXITAIS: ordenador (mínimo un equipo por grupo de traballo); procesador de textos e acceso a internet. Para levar a cabo a clase invertida, cada alumno debe ter un ordenador e acceso á rede na súa casa.
RECURSOS MATERIAIS: material do alumno; copas, auga, rolo de filme e grans de pementa, para levar a cabo o experimento da resonancia; mapa da zona de influencia do centro escolar.