Saltar navegación

EXPERIMENTO II: Resonancia con copas

No seguinte vídeo podemos comprobar como se produce a resonancia. Este experimento é moi sinxelo e animámoste a facelo, xa que os materiais  necesarios poden atoparse en calquera casa.

Pilar Barros e Susana Camiña. Resonancia con copas (CC BY-SA)

EXPLICACIÓN

As ondas sonoras, cando se propagan, poden atopar obstáculos durante a súa traxectoria que alteran tanto a dirección como a velocidade. O eco, a reverberación e a resonancia son efectos acústicos provocados por este motivo. Vexamos en que consiste cada un. 

O eco é o rebote do son contra unha superficie dura. A onda sonora reflíctese, cambia de dirección, e volve ao seu emisor, propagándose en dirección contraria á inicial. Para que se produza o eco e o noso oído o poida percibir, é necesario que haxa bastante distancia. No caso de que existan varios obstáculos crearase un eco múltiple. O noso oído percibe o eco despois do son orixinal.

A reverberación é un fenómeno acústico que se produce cando as ondas chocan contra as paredes, o teito e o chan dun recinto, producindo varias reflexións á vez.  As distancias son máis curtas en comparación co eco, de xeito que o rebote das ondas chega ata os nosos oídos antes de que se extinga o son.

A resonancia  é un efecto acústico que  se produce cando un corpo vibra pola influencia doutro corpo. No noso experimento, as vibracións xeradas ao fretar o bordo da copa propáganse facendo vibrar a copa baleira que está ao seu carón, e, consecuentemente, facendo vibrar tamén os grans de pementa.

Lembramos que...

O oído é o órgano do corpo humano que nos permite captar os sons do noso redor. O oído consta de tres partes: o oído externo, o oído medio e o oído interno:

-O oído externo está formado polo pavillón auricular, a orella, e o conduto auditivo. Esta parte do oído é a encargada de recoller as ondas sonoras e encamiñalas cara ao oído medio.

-O oído medio está formado polo tímpano, un conxunto de ósos moi diminutos (o martelo, a bigornia e o estribo), e a trompa de Eustaquio.

-No oído interno  atópanse os condutos semicirculares, que contribúen a manter o equilibrio do corpo, o caracol e o nervio auditivo, que envía a información ao cerebro.

Para máis información podes ver o seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=HRkX10QRzYc

Sabías que...

O sonar é un aparato que utiliza as ondas sonoras para averiguar a posición de obxectos somerxidos  ou outros elementos do fondo mariño.

Como funciona? O aparato colocado na parte inferior do casco dun barco (tamén dun submarino) emite uns sons que se propagan cara ao fondo mariño, a través da auga. Cando chocan con algún obstáculo, rebotan formando un eco que é rexistrado polo transmisor. Son as chamadas ondas de retorno. Dependendo do tempo que tarden en chegar as ondas de retorno, pódese calcular  a distancia á que rebotou as ondas sonoras, e polo tanto, calcular a que distancia se atopa o elemento. 

Podes consultar o seguinte enlace para comprender mellor como funciona este aparato:

https://www.youtube.com/watch?v=xdxjRaf6Xhw