Saltar navegación

EXPERIMENTO I: Ondas que danzan!

Es quen de imaxinar como baila o son? Si, si, acabas de ler ben! Menuda marcha teñen as ondas sonoras! Presta atención ás indicacións deste curioso experimento para poder realizalo ti.

Pilar Barros e Susana Camiña. Ondas que danzan! (CC BY-SA)

EXPLICACIÓN

O son é o efecto producido por un corpo cando vibra. É unha forma de enerxía, a enerxía sonora.

As vibracións que producen os corpos cando son golpeados son transmitidas por un medio elástico en forma de ondas que chegan ao noso oído. Isto significa que  o son non se pode propagar nun espazo baleiro, necesita dun medio material para poder transmitirse. Dependendo da densidade do medio polo que se transmite o son, a velocidade de propagación do son varía. Polo xeral, o son propágase a maior velocidade nos líquidos  e sólidos, e a menor velocidade nos gases, como o aire.

As ondas sonoras son ondas mecánicas lonxitudinais que propagan a vibración desde a fonte sonora a través dun medio material. As partículas deste medio actúan na mesma dirección que na que se propaga a onda. Para que a onda sonora sexa percibida polo noso oído debe ter unha frecuencia de oscilación entre 20 e 20.000 Hz, aínda que varía segundo a persoa e a idade. Normalmente, atopamos a intensidade do son expresada en decibelios (dB); o oído humano pode percibir sons entre 0 e 120 dB.

Os sons posúen diferentes calidades, que nos permiten diferencialos entre si:

1. O ton: é o grao de elevación dun son, que vén determinado pola frecuencia e diferencia sons graves de agudos.

2. O timbre: é unha calidade do son que permite distinguir as fontes sonoras.

3. A intensidade: é unha calidade do son  que nos indica se  é forte ou débil.

4. A duración: permítenos distinguir entre sons  longos ou curtos.

Aínda que as ondas sonoras non as podemos ver, no noso experimento comprobamos o seu comportamento grazas á mestura de fariña xunto cos colorantes. Podemos observar como os movementos da mestura son diferentes, dependendo das calidades do son nos diferentes momentos.

Sabías que...

A barreira do son é un concepto que fai referencia á fronteira física que impedía a obxectos de gran tamaño desprazarse a unha velocidade supersónica. Durante a Segunda Guerra Mundial deseñáronse novos prototipos de avións  para alcanzar maior velocidade, pero presentaban problemas de compresibilidade. A velocidade do son, en condicións normais, é de 1.220 km/h aproximadamente.  

Charles Elwood Yeager foi o primeiro piloto en superar a barreira do son a bordo do avión experimental Bell X-1, o 14 de outubro de 1947. Para máis información podes consultar os seguintes enlaces:

 https://es.wikipedia.org/wiki/Barrera_del_sonido

https://www.youtube.com/watch?v=-wNTGKTekrQ