Saltar navegación

EXPERIMENTO II: A AUGA QUE NON CAE!

No seguinte vídeo imos desenvolver un experimento relacionado coa presión atmosférica. Non pestanexes!

Pilar Barros e Susana Camiña. A auga que non cae! (CC BY-SA)

EXPLICACIÓN

Como vimos no anterior experimento, a presión atmosférica é a forza que a masa de aire exerce sobre a superficie terrestre. Por outra banda, a presión hidrostática é a forza que exerce un fluído (un líquido ou un gas) sobre as paredes do recipiente que o contén; esta presión provoca unha forza perpendicular ás paredes do vaso. No experimento a auga do vaso non chega a caer porque a forza que exerce sobre a auga  a presión atmosférica é maior que forza que exerce a presión hidrostática do líquido sobre as paredes do vaso e do papel.

Existe unha relación entre a presión atmosférica  e o estado da atmosfera nunha zona concreta, é dicir, de que gocemos na nosa localidade dun día soleado ou de que se formen nubes e chova. Como pode afectar a presión atmosférica ao tempo?  O aire quente é menos denso, namentres que o aire frío posúe unha densidade maior. Por este motivo, cando o aire da atmosfera está máis frío pesa máis e tende a descender en altitude; cando o aire é cálido pesa menos e tende a acender. Isto provoca que, cando a masa de aire arrefría, as moléculas concéntranse, o aire é máis denso e pesado e descende cara á superficie terrestre, establecendo unha zona de alta presión, que goza dunha estabilidade atmosférica,  con pouca nubosidade e pouco vento, é dicir, unha situación anticiclónica, na que o vento xira no sentido das agullas do reloxo; como acostumamos a expresar os cidadáns, é unha situación de bo tempo.

Non obstante, a situación contraria dase cando a masa de aire é quente, as moléculas do aire sepáranse e ascenden, establecendo unha zona de baixa presión e inestabilidade atmosférica; esta situación coñécese como ciclón ou borrasca. Nesta circunstancia o vento móvese en sentido contrario ás agullas do reloxo. 

Para medir a presión atmosférica utilizamos un instrumento chamado barómetro; as medicións exprésanse nunhas unidades denominadas bares ou milibares. Cando a presión atmosférica é superior aos 1.013 milibares estamos ante unha situación anticiclónica. Ao contrario, se a presión atmosférica é inferior aos 1.013 milibares estamos ante unha borrasca.

Sabías que...

As isóbaras son unhas liñas que aparecen nos mapas do tempo para unir os puntos nos que a presión atmosférica é igual no momento no que se recolleron os datos. Dannos información sobre a forza do vento e a súa dirección; así, se as isóbaras están moi próximas a forza do vento é maior e se están máis distantes é menor.

Se queres aprender máis sobre como interpretar un mapa do tempo, podes  consultar o seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=2-P3cnEcExs