Himno galego
O noso himno, ao igual que a bandeira, obtivo recoñecemento oficial unicamente no ano 1984 en virtude da Lei de Símbolos de Galicia.
Sabemos que a orixe do himno nacional de Galicia está no certame musical organizado polo compositor Pascual Veiga no 1890. Precisamente foi o propio Veiga quen lle solicitou a Eduardo Pondal que escribise un poema para servir de letra destinada a acompañar a unha futura "Marcha Regional Gallega". Foi así como naceu "Os Pinos", o poema que conforma a letra do noso himno, que máis tarde se uniría a unha composición musical creada por Pascual Veiga.
Eduardo Pondal e Pascual Veiga, en Wikipedia CC BY - SA 3.0
- Significado dalgunhas das estrofas do Himno.
De xeito xeral, o himno é un canto á beleza da nos aterra e a nosa paisaxe, pero se miramos máis alá, veremos que se fai tamén unha contraposición entre dúas formas de vida, dúas maneiras de entender a Galicia e dous mundos ideolóxicos diferentes.
Ademais, fala do pasado de Galicia, no que o noso pobo sufriu o xugo da opresión nacional; na que non se permitía a expresión no noso idioma e se pretendía establecer os costumes e fala castelán como forma de expresión dos galegos. (referímonos á época da ditadura franquista 1936-1975).
Como exemplo disto podemos destacar:
- O quinto verso da segunda estrofa, no que se lle pide a Galicia que non esqueza as inxurias históricas e que esperte do seu sono.
- Na terceira estrofa establécese unha distinción: Bós e xenerosos/ignorante, féridos duros, imbéceles e escuros, para confrontar ós que entenden a mensaxe fronte ós que se opoñen ó seu entendemento.
- A cuarta estrofa é un canto á esperanza, onde se establece outro campo asociativo: escravitude presente/redención.
Unha curiosidade do noso himno é que o nome de Galicia non aparece nunca no poema, como é normal en toda a obra de Pondal. No Himno chámaselle Fogar de Breogán, na segunda estrofa, e Nazón de Breogán na cuarta estrofa. Nas restantes estrofas do poema completo de Eduardo Pondal alúdeselle en Rexión de Breogán, Grei de Breogán Fillas de Breogán, Arpas de Breogán, Aromas de Breogán e Eidos de Breogán, que son os versos con que terminan cada unha das estrofas do poema.
A primeira gravación do noso Himno, da que se ten constancia, realizouna o Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo o 19 de novembro de 1918.
