O 25 de novembro de 1960, os corpos de Minerva, María Teresa e Patria , as irmás Mirabal, foron atopados dentro dun vehículo no fondo dun cavorco. Xunto a elas estaba tamén o cadáver do condutor, Rufino de la Cruz. Todos eles presentaban sinais de violencia.
No 1981 celebrouse en Bogotá, a capital de Colombia, o I Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe. Aquí decidiuse que o 25 de novembro pasase a a ser o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres en Latinoamérica, en lembranza da loita das irmás Mirabal.
No 1993 as Nacións Unidas aprobaron a Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller e finalmente no 1999 declararon o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A ONU define a violencia contra a muller como “todo acto de violencia de xénero que resulte, ou poida ter como resultado, un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, inclusive as das ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública como na privada”.
Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar todas as mulleres e nenas é un dos 17 obxectivos que a ONU se marca para lograr un mundo máis sostible na súa Axenda para o 2030.