Se ben o simple proceso de mestura e montaxe de diferentes sons é algo que pode dar resultados moi interesantes, tal e como vimos na anterior unidade, tamén podemos utilizar simples procesos para que, partindo de sons "reais" podamos crear outros novos que, dependendo do tipo de alteracións que fagamos, sexan parecidos ou moi diferentes.
Aquí onde entra todo un proceso de experimentación que nos sitúa entre a Música concreta e a composición de paisaxes sonora que falamos ao principio.
Existen infinidade de procesos que podemos facer cun editor tan sinxelo como é Audacity ou utilizando plugins ( pequenos programas que se aloxan nun programa principal e amplían a súa funcionalidade). Nesta unidade imos utilizar so en algúns os procesos que permite Audacity de forma nativa pero se estás interesado en buscar máis opcións e instalar estes progamas podes seguir este titorial.
FILTRAR
Na unidade sobre edición de audio vimos xa como se utilizaba a ecualización para retocar certas frecuencias dos nosos sons e corrixir error ou acentuar algúns detalles das gravacións das paisaxes sonoras. Pero podemos utilizar a ecualización con unha finalidade creativa esaxerando ou eliminando parte do espectro sonoro e conseguir resultados moi drásticos e diferentes do orixinal. Sería algo similar ao que fai un escultor cun bloque de pedra do que vai quitando partes ata darlle forma e convertelo en algo diferente. Esta técnica está na liña do que se coñece en deseño sonoro como síntese subtractiva.
REDUCIÓN DE RUÍDO
Esta ferramenta está pensada para eliminar ruídos de fondo ou interferencias en gravacións de música ou voz, pero que acontece cando o aplicamos a sons complexos que o programa interpreta como ruídos? Pois efectos inesperados como o que podes ver no vídeo. Dependendo da selección de parámetros que escollamos os resultados serán diferentes polo que hai que experimentar. No fondo esta parte creativa ten como finalidade que utilices estas ferramentas de xeito non convencional probando, experimentando e errando e que, cando descubras un son interesante para os teus oídos o exportes para facer as túas composicións.
REVERTER
Esta opción o que fai é inverter o son, darlle a volta á onda e, dependendo do son que utilicemos, podemos acadar resultados moi interesantes. Nótase sobre todo na envolvente. Por exemplo, se temos un son que empeza cun golpe e pouco a pouco vai desaparecendo o efecto contrario é como un crescendo e fai que teña un carácter moi diferente.
ALTERAR TONO E VELOCIDADE
Cando tradicionalmente reducimos a velocidade dun son o seu tono redúcese proporcionalmente. Por exemplo, se reducimos un son á metade de velocidade o todo baixa unha oitava e se aumentamos a velocidade ao dobre o son sube unha oitava. Isto pode dar resultados interesantes aínda que tamén temos a opción de traballar con cada unha das opcións por separado.
ALTERAR TONO
Con esta opción alteramos á altura pero non se modifica a duración do arquivo. Isto permite que teñamos máis versatilidade se o que queremos é so crear diferentes alturas partindo dun son. Así podemos crear varias versións a diferente altura dun mesmo son para darlle un carácter melódico a algún pasaxe das nosas composicións se o desexamos.
ALTERAR A DURACIÓN
Esta é a outra posibilidade, alterar a velocidade sen alterar altura, é dicir que o son dure máis ou menos pero que conserve o tono orixinal. Cando facemos cambios radicais poden aparecer sons moi curiosos.
APLICAR ECO
Outro efecto útil é o eco que fai que un son se multiplique sobre si mesmo acadando unha textura máis complexa. Basicamente ten dúas opcións, cada cando repite o son que recibe e canto tarda en desaparecer. Terás que facer probas para ver como funciona mellor en cada son, pero ten coidado co factor decaemento xa que canto máis te acercas 1 pode que se inverta e en lugar de decaer aumente pouco a pouco e distorsione.
REVERBERACIÓN
Algo similar ao eco é o efecto de reverberación xa que tamén imita o rebote do son nun espazo pero neste caso non conseguimos diferenciar cada un dos rebotes e se crea unha masa sonora que envolve ao son orixinal. Utilízase normalmente nas producións musicais pero se abusamos algo del podemos conseguir resultados creativos cos que transformar os nosos sons orixinais. Neste exemplo ademais ao final invertemos o son para que vexas as posibilidades de conseguir resultados bastante radicais mesturando algúns efectos.
EDICIÓN MÚLTIPLE
Tamén podes aplicar varios procesos a un son para acadar maior complexidade como vimos no exemplo anterior aínda que aí só xuntamos dous procesos. Podes, por exemplo, envertir un son, logo ecualizado e aplicarlle un delay, etc. Incluso poderías exportar o son e volver a importalo e seguir aplicando procesos para transformalo e transformalo constantemente.
Por suposto tamén tes a opción de utilizar as ferramentas de cortar e pegar para crear repeticións tal e como vimos no tema de edición.
Aquí tes un exemplo dunha peza feita a partir de gravacións de campo procesadas e montadas combinando as técnicas deste apartado e do anterior. Trátase dun traballo feito por min para o proxecto de danza; Microimpactos de Voltage-Opposites.
Podes seguir probando outros dos efectos que aparecen en Audacity ou mesmo buscar algúns outros plugins. Existe unha grande cantidade de efectos novos que se poden instalar que non parecen, polo de agora, como opcións nativas do programa como podería ser o efecto de Convolución, que ven a ser un proceso matemático que aplica certas características dun son noutro creando un son novo parecido aos anteriores pero diferente. Utilízase moito para aplicar un efecto de reverberación dun espazo concreto, por exemplo dunha catedral, a un son gravado no estudio para que pareza que foi gravado nese espazo. Pero podemos experimentar con ele para crear efectos e transformacións máis radicais que non buscan un efecto de realidade. Recorda que aquí se trata de experimentar e atopar o que ti consideras interesante para facer soar as túas ideas.
ACTIVIDADE: COMPOSICIÓN
Agora trata de facer a túa primeira composición electroacústica baseada en gravacións de paisaxe sonora seguindo os seguintes pasos:
Selecciona 3 paisaxes sonoras que consideres interesantes e que non duren máis de 30 segundos.
Crea 4 variacións de cada unha delas tentando que sexan o máis diferentes unhas doutras e facendo cada vez procesos máis drásticos
Escolle unha das variacións de cada son e procésaa de novo
Crea unha montaxe en Audacity superpoñendo e xustapoñendo os audios resultantes para crear a túa primeira composición. Podes repasar as ferramentas básicas que se explicaron na sección sobre edición de audio (axuste de volume, panorámica, envolvente, etc.)
A forma, como está estruturado o material nunha composición é algo que depende de cada compositor e moitas veces depende do propio material que teñamos. Podes facer diferentes montaxes ou arranxos previos ata dar con algo que consideres interesante