Saltar navegación

ANTECEDENTES

antecedentesComo xa explicamos na primeira unidade, a paisaxe sonora é un termino utilizado para referirse ao conxunto de sons que nos rodean. A finalidade deste concepto, tal e como o desenvolveron dende o World Soundscape Project a finais dos anos 60, era aplicalo para abrir un novo campo de investigación sobre que papel desempeñan eses sons na nosa historia, cultura e sociedade e como se podería mellorar o mundo a través da concienciación dunha escoita crítica e o deseño sonoro, dous aspectos moi conectados coa idea de ecoloxía acústica.

Pero este interese polos sons do entorno tamén os levaron a buscar novas formas de transmitir estes intereses, non só a través de textos e proxectos de investigación, se non tamén a través de da creación artística creando pezas sonoras e composicións de música electrónica a partir destes sons.

Xa durante boa parte do século XX se experimentou coas posibilidades de capturar o son e reproducilo, non só como un medio para atrapar este fenómeno ata entón tan escorredeiro, se non como un novo espazo para crear novas músicas que non era posible conseguir cos instrumentos tradicionais. Hoxe en día unha parte das música que se producen con medios electrónicos agrupase baixo a etiqueta de música electroacústica e, dentro deste contexto, existe outra subdivisión coñecida co nome de música concreta.

O seu nome fai referencia ao feito de traballar con obxectos sonoros concretos (sons fixados a un soporte que permite reproducilos), nome que lle deu o compositor Pierre Schaeffer, pais deste xénero musical, a "todo fenómeno sonoro que se perciba como un conxunto, como un todo coherente, e que se oia mediante unha escoita reducida que o enfoque por si mesmo, independentemente da súa procedencia ou do seu significado". Schaeffer quería que descubrísemos a beleza do son a través da escoita reducida entendida como aquel xeito de escoita atenta centrada nas propiedades dun son gravado e non no seu significado o precedencia.

Este tipo de traballos empezaron a cobrar forma dende os anos 40 do século pasado e serviron como a orixe do Groupe de Recherche de Musique Concrète, un estudio sonoro fundado en 1951 nas instalacións da RTF (Televisión e Radio Francesa).

schaefferAcousmonio e Phonogene,  Semitransgenic (CC BY SA 3.0)

Os seus métodos de traballo pronto foron atraendo a curiosidade doutros compositores de diferentes países que descubrían novas formas de organizar os sons para crear unha música contemporánea baseada nos procesos de captura, manipulación e difusión sonora.

Para conseguir o seu fin os primeiros compositores da música concreta utilizaban deformaban os sons gravados con diferentes sistemas de manipulación, deseñados por enxeñeiros cos que colaboraban, para romper os vínculos co son orixinal que o producira. A idea era utilizar eses audios como se de un material escultórico se tratase moldeándoo para acadar novas formas, timbres e texturas.

A diferencia do que se plantaba nesta corrente anos despois algúns compositores empezaron a considerar que o feito de recoñecer os sons e non centrarse unicamente na idea de escoita reducida habería outras formas de expresión. Compositores como Luc Ferrari propuxeron esta nova vía con pezas como as súas Presque Rien nº1.

Logo dos primeiros traballos do grupo do que falábamos ao principio deste texto centrados na investigación da paisaxe sonora algúns dos seus integrantes empezaron a experimentar coa utilización deses sons como unha vía para a expresión sonora utilizando procesos similares aos da música concreta, centrándose na idea de montaxe e aplicando novas técnicas de síntese como a granular.

fieldField recording,  Semitransgenic (CC Atributtion 3.0)

Estas son algunhas das ideas que para Barry Truax ás que debería responder "a composición de paisaxes sonoras tal e como se derivas da súa práctica".

  • "Manter a posibilidade de que o oínte recoñeza a fonte sonora malia estar transformada"
  • "O coñecemento do oínte do contexto ambiental e psicolóxico da paisaxe sonora é invocado e potenciado para completar a rede de significados do mesmo xeito que o fai a música".
  • "O coñecemento por parte do compositor do contexto ambiental e psicolóxico do material da paisaxe sonora permítelle manipular a estrutura da composición a todos os niveis, e en última instancia a composición é inseparable de todos e cada un destes aspectos da realidade".
  • "A obra acentúa a nosa comprensión do mundo, e a súa influencia repercute nos hábitos da nosa percepción cotiá. [...] o obxectivo final da composición de paisaxes sonoras é a reintegración do oínte no ambiente nunha relación ecolóxica equilibrada [...]"
  • "O obxectivo final da composición de paisaxes sonoras é a reintegración do oínte no ambiente nunha relación ecolóxica equilibrada"

Moitos destes traballos hoxe en día están moi conectados con diferentes disciplinas creativas e artísticas sobre as que podes buscar información. Ámbitos como os da Arte Sonora, a Radio Arte ou mesmo o Cine traballan moito co concepto de composición de paisaxe sonora.