¿Por qué estas páxinas?
O uso dos laboratorios de linguas e dos exercicios de escoita e repetición xurdiu da man de determinados modelos pedagóxicos inspirados na lingüística estrutural. Neste contexto considérase unha avantaxe que o alumno teña a oportunidade de escoitar as súas propias realizacións co obxecto de que poida chegar a autocorrixirse, comparando a súa produción coa nativa. Neste enfoque esquécese o clásico concepto de “xordeira fonolóxica” : se o alumno non é capaz de percibir aqueles contrastes que non son fonolóxicos na súa lingua materna (galego no noso caso) parece difícil que chegue a un diagnóstico dos seus propios erros e que, a través da comparación dun modelo que non percibe adecuadamente, chegue a alcanzar unha pronuncia próxima á nativa.
Por este motivo consideramos fundamental nas etapas iniciais no aprendizaxe da pronuncia dunha lingua estranxeira (1º ESO e 2º ESO) non perder de vista a fonética da lingua materna dos alumnos, o galego. Así, na nosa proposta facemos fincapé nos contrastes e paralelismos fonéticos e fonolóxicos entre ambas linguas, o que axiliza e facilita o proceso de asimilación da pronuncia da lingua estranxeira (francés) por parte dos noso alumnado, como xa temos comprobado na aula. Cumpre sinalar que neste proxecto propomos priorizar, con fins pedagóxicos, os arquifonemas, os sons principais do sistema vocálico francés. Ademáis, coa evolución do vocalismo, neutralizáronse certas oposicións vocálicas.
Por outra banda, aínda que o ensino e adquisición de linguas asistida por ordenador e outras tecnoloxías multimedia pode considerarse xa un ámbito ben consolidado, o ensino da pronuncia asistida polas tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) é un campo moito máis recente debido, por unha parte, a que son necesarios recursos que ata hai pouco non estaban dispoñibles na aula, e por outra, á recorrente falta de atención polo nivel fónico na didáctica das linguas.
Neste proxecto pretendemos, polo tanto, amosar as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías multimedia no ensino da pronuncia e a corrección fonética dunha lingua estranxeira (francés) sen esquecer os recursos que nos brinda a lingua materna dos nosos alumnos (galego).
Polo de agora, non temos atopado materiais curriculares multimedia axeitados para o ensino da fonética en 1º ESO e 2º ESO con este enfoque bilingüe. Presentamos, polo tanto, una serie de unidades didácticas en soporte dixital en forma de “píldoras concentradas de fonética francesa” con referencia ó galego.
O ensino da pronuncia é unha compoñente máis dun deseño curricular, do mesmo xeito que o é o ensino da gramática, do léxico, da cultura ou de calquera outro contido. Pensamos que estas son actividades que un profesor ou profesora debería levar normalmente a cabo nunha clase de lingua francesa, e que polo tanto terían que integrarse de modo sistemático nas contornas dixitais de ensino-aprendizaxe para a ensinanza das linguas.