Saltar navegación

TEXTOS LITERARIOS: XÉNEROS

Os textos literarios caracterízanse, fundamentalmente, porque neles predomina a función poética da linguaxe, polo que a súa finalidade non é práctica, senón estética; manipúlase a lingua para acadar o efecto pretendido no lector.

Adóitase clasificar estes textos en tres grandes grupos:

-          Textos narrativos: narran uns feitos nos que participan personaxes, dentro dun determinado tempo e espazo. Están escritos en prosa.

-          Textos líricos: caracterízanse por presentar a realidade desde o punto de vista do suxeito, mostrando a súa visión íntima e persoal. Predomina o uso da primeira persoa e a actitude subxectiva. Na lírica, a modalidade de expresión por excelencia é o verso.

-          Textos dramáticos: tamén coñecidos baixo o nome de textos teatrais; preséntase un ou varios conflitos xerados polas relación entre os personaxes que dialogan entre si, sen que o autor ou autora interveña; deste xeito, a forma que presentan estes textos é a dialogada (se exceptuamos as anotacións).

Cada un destes tres grandes xéneros literarios pode subdividirse; así, os textos narrativos adoitan clasificarse en: novelas, contos, lendas, fábulas…; os líricos, en: elexías, sátiras, églogas…; os dramáticos, en: traxedia, drama e comedia.

XÉNEROS LITERARIOS

Le estes textos e identifica o xénero literario ó que pertencen. Debes escribir xénero lírico, xénero dramático ou xénero narrativo segundo corresponda.

A alma é unha roseira          

florecida, cuaxada

de rosiñas vermellas

e de rosiñas brancas.

Alegrías e penas

son o vento que pasa;                      

ás veces como un bico,

ás veces treboada.

Unha bágoa que xorde,

unha risa que estala…

son rosiñas que caen

da roseira da alma

Cabanillas, Da terra asoballada (adaptación)

______________________________

O Rifante era un mariñeiro que gañaba pesos a moreas e que na súa bolsa gardábanse talmente como auga nunha peneira. En terra, o Rifante no tiña caletre ningún; en canto poñía o pé no seu barco trocábase nun sabio. Tiña moitos fillos e moitos netos e todos a gastar porque o mar daba para todo.

Castelao, Cousas

_____________________________

(Dá unha palmada ó retirarse e Catulo e Caleno perden a súa inmobilidade, sacan comida e viño e comezan a comer e beber.)

CATULO: (Botando un bo grolo de viño) ¡Por Marte que é bo este viño! ¿De onde dixeches que era, Caleno?

CALENO: De Sicilia; mangueillo nun descoido a un mercador persa no Foro romano, Catulo.

CATULO: Pois si que é bo; ¿sábenche as tortas de millo?

Núñez Singala, O achado do castro

Habilitar JavaScript

UN CHISQUIÑO MÁIS COMPLEXO

Os textos anteriores non daban lugar a dúbida, pero fíxate nos seguintes e intenta clasificalos

Miñas donas e señores,

nenos, vellos e medianos,

esta historia verdadeira

xa comeza cos romanos.

Era unha vez unha terra

que Gallaecia era chamada,

onde había moitas tribos

nunha idade antepasada.

Fabricaban xoias de ouro

de fina ourivesería,

mais as linguas ignoramos,

pois ningunha se escribía.

Chegaron despois de Roma

xentes ben organizadas,

que gañaron esta terra

polas armas esforzadas.

Darío Xohán Cabana, fragmento de Historia da lingua galega

 

______________________________

(A campiña do Valedouro ó clarexar o día. Cubertos con longas capas de monte, nos lindeiros dun souto de carballos, conversan Amaro e Elvira […])

AMARO.-      Este encontro de amor

                      o meu amor saberao pagar

                      cun recordo tan fondo

                     que nunca se borrará

ELVIRA.-      Escoita! Xa canta o galo!

                     Terémonos que afastar!

AMARO.-      Mais…. tan pronto?

ELVIRA.-      Xa nos cumios

                     a alba vai clarexar

                      e ha de subir esa costa

                      e atravesar o piñeiral.

Cabanillas, O mariscal (adaptación)

 ______________________________

-          Hai pouco falei con Mentes, un mariñeiro de Ribeira. Díxome que sentira falar de meu pai en Fisterra – anunciou Telémaco nada máis iniciar a xuntanza.

Ninguén tomou en serio aquelas palabras. E menos aínda os pretendentes.

-          É certo – insistiu Telémaco.

-          Cala a boca! – interveu un dos pretendentes.

-          Non digas parvadas! – mofouse outro.

Os pretendentes eran moi activos: uns chulos, noutras palabras. O único que querían conseguir era vivir á conta dos bens de Ulises e deitarse con Penélope-

-          No nome de meu pai, pídovos un voto de confianza – dixo Telémaco, dirixíndose aos seus paisanos-. Necesito un barco e mais unha tripulación para ir buscar novas de Ulises a Fisterra.

Pere Tobaruela, Viaxes dun can de palleiro

Habilitar JavaScript