O xénero do substantivo
1- A categoría de xénero
A oposición de xénero nos substantivos pode servir:
Para distinguir seres polo sexo: o rapaz/ a rapaza.
Para diferenciar seres pola forma (o pozo/a poza) ou polo tamaño (o cesto/ a cesta). Neste caso o feminino adoita designar o obxecto de maior tamaño (o sacho/a sacha).
Para diferenciar o individual do colectivo (o gran/ a gra; o froito/ a froita)
1-a-O xénero nos seres sexuados
Observa o comportamento da categoría de xénero nos seres sexuados:
Pode coincidir co sexo: o home, a muller; o can, a cadela.
En ocasións a forma masculina ou a feminina engloban os dous sexos: os gatos; as galiñas. Cando os substantivos se refiren a seres humanos podemos utilizar o nome colectivo: as persoas, ou deixar clara a distinción: os alumnos e as alumnas.
O substantivo pode manter o xénero e a forma invariábel (a testemuña, a fantasma) ou manter invariábel a forma con flexión de xénero (o/a trapecista).
O feminino de certos cargos pode indicar ademais consorte do masculino: alcaldesa (cargo político ou muller do alcalde), tamén baronesa, marquesa...
Os substantivos epicenos que designan animais teñen unha soa forma para o feminino e o masculino: o sapo macho/femia
Fíxate
Os substantivos epicenos designan de igual modo o macho e a femia dunha especie: ra, sapo, tartaruga...
2- Procedementos de formación do feminino
1- Nos substantivos heterónimos o masculino e o feminino teñen palabras diferentes: o boi/ a vaca; a ovella/ o carneiro.
2- Algúns substantivos forman o feminino por medio do sufixo derivativo que se lle engade ao masculino:
galo/ galiña
abade/ abadesa
actor/actriz
3- A formación do feminino
Masculino |
Feminino |
Exemplos
|
|
palabras rematadas en -o,-e átonos |
substitúeno por -a |
Amo, ama, elefante, elefanta |
|
Vogal tónica |
Engaden –a |
Avó,avoa |
|
Consoante distinta de –n |
Engaden –a |
Rapaz, rapaza |
|
-n-ín - ón
- án
|
Engaden –a -oa,-ona
-á
Engaden -a |
Espadachín-espadachina Bufón-bufona -palabras populares: irmán-irmá. - xentilicios galegos: arousán arousá. -aumentativos: ona: bocalán, bocalona. |
Observa:
Acomódanse ao esquema irmán (masculino) / irmá (feminino) as seguintes palabras: afgán, alazán, alemán, barregán, bosquimán, capitán, catalán, ermitán, escribán, gardián, musulmán, rufián, sancristán, sultán e truán.
Admítense as variantes locais –ao / -á e –án / -án nos xentilicios correspondentes (burelao / burelá, muradán / muradá...).
A terminación –án / -ana fica así reservada para caracterizadores pexorativos (bocalán...).
O esquema –ón / -ona fica reservado para formacións aumentativas (homón, mullerona...) e para deverbais pexorativos (abusón, abusona...). Nos demais casos, -ón / -oa (anfitrión / anfitrioa, león / leoa...).
Observa
Son masculinos |
Son femininos |
Nomes rematados en –o: o edificio (agás a radio, a moto). A maioría dos rematados en – ote, -ume, -ao, -oi, -l, -s, -n: o morote, o cardume, o pau, o bocoi, o mel, o lapis, o con; (agás a acedume, a servidume e a mansedume). Os nomes de letras, números, ríos, cabos, montes, mares, océanos: o efe, o catro, o Atlántico. Nomes como: o bechamel, o cárcere, o couce, o cuspe, o fel, o leite, o lume, o mar, o nariz, o paradoxo, o sal, o sinal, o sangue, o teitume, o til, o ubre, o xiz. |
Nomes rematados en –a (agás o mapa, o Papa, o profeta). A maioría das rematadas en –axe, -ite, -á, -ei, -z, -ción: a vasalaxe, a amigdalite, a campá, a lei, a candidez, a vacinación. Agás o traxe, o paxe, o garaxe. A maioría das rematadas en -se (a hipnose)e -or (a dor). Agás o éxtase, o labor, o humor. A maioría dos nomes de froitas e de árbores froiteiras: a figueira, a cerdeira. (o limoeiro) Nomes como: a ábsida, a análise, a azouta, a calor, a cor, a cute, a dor, a eclipse, a fin, a marxe, a orde, a orixe, a pantasma, a paréntese, a ponte, a pube, a sedela, a síncope, a suor. |