Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Motivación para a abordaxe do REA

Nesta situación de aprendizaxe trabállase un contexto próximo como é a organización dunha romaría, cun enfoque centrado no azar e a probabilidade.

Para iso proponse como reto que o alumnado deseñe un xogo coas súas regras, no que as matemáticas xoguen un papel fundamental na toma de decisións e no deseño.

O obxectivo é que o alumnado aprenda a interpretar e resolver problemas relacionados con situacións de incerteza, analizando a probabilidade dos sucesos, a xustiza do xogo e a súa rendibilidade.

A motivación, que se explica na fase 1, xorde a partir dun contexto realista no que o alumnado asume o papel de organizador da romaría, sendo quen decide que tipo de xogo deseñar.

Recursos materiais necesarios

Para o desenvolvemento das actividades do REA é necesaria a conexión a internet, xa que se require buscar información, utilizar ferramentas como GeoGebra ou simuladores de probabilidade, visualizar vídeos, etc.

Na versión de eXeLearning coa que foi creado, é preciso estar conectado para visualizar correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

A notación matemática empregada inclúe o uso de representacións de probabilidades, fraccións, porcentaxes e expresións relacionadas coa esperanza matemática.

Respecto ás iconas que preceden aos títulos, seguen as pautas DUA:

  • Iconas azuis: actividades.
  • Iconas verdes: relacionados co reto.
  • Iconas rosas: contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades autocorrixibles, aínda que só se introduza o resultado final no REA, recoméndase que o alumnado rexistre o proceso seguido; incluíndo esquemas, cálculos, reflexións e conclusións no seu caderno.

O REA dispón de fichas de apoio que poden utilizarse en formato dixital ou en papel.

Actividades en equipo

Ideas para a formación de equipos:

  • Grupos de tres ou catro persoas.
  • Preferiblemente heteroxéneos.
  • Con interdependencia positiva e responsabilidade individual e grupal.

Materiais:

Proporciónanse fichas de apoio para recoller as decisións tomadas, os cálculos realizados e as conclusións do equipo.

Roles:

Proponse a asignación de roles dentro de cada equipo:

  • Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, verificando que se entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
  • Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que estean todas as actividades feitas e da súa entrega en tempo e forma.
  • Responsable: organiza o material e os recursos. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
  • Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Explica os resultados e as conclusións.
    Se son equipos de tres, esta función pode asumila a persoa coordinadora.

Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente tedes na vosa aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.

Actividades individuais multinivel

O REA inclúe actividades individuais con distintos niveis de dificultade, especialmente nas fases de aprendizaxe de conceptos.

Preséntanse con botóns de opción, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.

Estas actividades permiten traballar procedementos como o cálculo de probabilidades, a interpretación de resultados ou a análise de xogos, adaptándose ao ritmo e nivel do alumnado.

Avaliación

Na fase final inclúese unha rúbrica para avaliar o reto do deseño do xogo.

Tamén se incorporan:

  • Rúbrica de traballo en equipo
  • Rúbrica de exposición oral

Estas ferramentas poden utilizarse tanto para avaliación como para autoavaliación.

Produtos finais

O produto final consiste en deseñar en grupo un xogo coas súas regras, contextualizado na romaría.

Cada equipo deberá:

  • Definir claramente as regras do xogo.
  • Calcular as probabilidades dos posibles resultados.
  • Analizar se o xogo é xusto ou non.
  • Estudar a súa rendibilidade.

Para presentalo, elaborarán un informe ou presentación na que expliquen o funcionamento do xogo, os cálculos realizados e as conclusións obtidas.

Este proceso implica o desenvolvemento da competencia matemática, a comunicación lingüística e a capacidade de argumentación.

O REA inclúe fichas de apoio, listas de cotexo e exemplos para facilitar a elaboración do produto final.

Enfoque multinivel do reto

O deseño do xogo permite distintos niveis de complexidade:

  • Nivel básico: xogos sinxelos con cálculo de probabilidades elementais.
  • Nivel medio: análise de xogos con varios posibles resultados e axuste de premios.
  • Nivel avanzado: estudo da esperanza matemática e optimización da rendibilidade.

A heteroxeneidade dos grupos favorece a aprendizaxe entre iguais e permite que todo o alumnado participe activamente no desenvolvemento do reto.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)