Do trigo á IA: a economía, o motor do mundo
O REA “Do trigo á IA: a economía, o motor do mundo” ten como obxectivo principal ensinar os aspectos básicos das actividades económicas e dos distintos sectores de produción, analizando como se organizan e se relacionan no espazo xeográfico. O alumnado traballará os contidos cun enfoque competencial, práctico e significativo, favorecendo a comprensión da economía próxima e a súa aplicación en situacións reais.
Os diferentes bloques do REA foron deseñados segundo os principios do DUA, ofrecendo varias versións da información para facela accesible a estudantes con distintos niveis de dificultade e diferentes estilos de aprendizaxe. Do mesmo xeito, propoñen actividades multinivel que permiten atender á diversidade do alumnado e garantir que todos poidan participar de maneira activa e produtiva no seu proceso de aprendizaxe.
O obxectivo principal é que o alumnado coñeza, comprenda e integre os contidos traballados, de maneira que poida aplicalos de forma correcta e efectiva á resolución dun reto final. Este reto consiste na elaboración, en grupos, duns informes prácticos que recollan información sobre diferentes actividades económicas e sectores de produción. Para facelo máis motivador, preséntase cunha situación lúdica e próxima á realidade:
O irmán dun bo amigo traballa nunha consultora e atópase un pouco agoniado porque o seu xefe encargoulle varios expedientes que, inicialmente, debía realizar un compañeiro de traballo que está de baixa por enfermidade. Temendo non chegar a tempo, precisa axuda para organizar e completar toda a información.
Coincidindo con este comentario, a profesora anuncia na clase que vai comezar a traballar sobre xeografía económica. De forma natural, xorde a idea de que o alumnado poida colaborar para elaborar entre todos os informes que necesita o irmán do seu amigo, aplicando os coñecementos sobre sectores produtivos, actividades económicas e a súa organización no territorio.
Este enfoque permite que o alumnado se implique activamente, poida aplicar de forma práctica o aprendido e vexa como os contidos teóricos teñen unha aplicación real e significativa.
Deste xeito, este REA ofrece ao profesorado unha nova posibilidade de enfoque educativo, no que se combina a adquisición de coñecementos fundamentais sobre a economía co desenvolvemento de competencias prácticas, a colaboración en equipo e a resolución de problemas. Ademais, preséntase unha situación motivadora, próxima ao alumnado, que fai que o proceso de aprendizaxe sexa máis dinámico, atractivo e útil, facilitando a comprensión dos aspectos básicos do funcionamento das actividades económicas e dos sectores de produción no mundo actual.