Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:
- Os materiais do propio REA
- O caderno de aprendizaxe
- Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información...
- Material de papelería (bolígrafos, caderno, cartolinas...).
Entendemos que todos estes materiais están dispoñibles en todos os centros e resulta de fácil manexo por parte do alumnado e do profesorado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Dividirase a aula en grupos de máximo 5 membros. É importante que o profesorado teña en conta, á hora de designar os grupos, os seguintes aspectos:
- Entre os integrantes haberá estudantes con diferente nivel competencial, de maneira que se eviten desequilibrios entre grupos.
- Dentro do grupo repartiranse con claridade as tarefas, evitando que unha persoa se acabe encargando case en solitario do traballo.
- Na repartición de tarefas terase en conta os diferentes niveis competenciais do alumnado integrante do grupo, de maneira que cada estudante poida desenvolver as súas capacidades.
- O traballo grupal realizarase nun ambiente de coordinación e cooperación. Todos os integrantes deben poder achegar algo, e todos deben ter en conta a opinión dos demais.
- Cada grupo designará unha persoa coordinadora, que se encargará da interlocución co profesor ou profesora.
- Tentarase o equilibrio por sexos, garantindo un ambiente coeducativo e respectuoso e igualitario, evitando os prexuízos e comportamentos sexistas e os nesgos machistas.
Produtos finais
O produto final deste REA consiste no desenvolvemento dun reto educativo que promove a investigación, a análise da información, o traballo colaborativo e as competencias comunicativas. O alumnado, organizado en grupos, traballará a partir de fichas correspondentes a distintos expedientes, para as cales se facilitan enlaces de apoio coa finalidade de buscar información relevante.
Cada grupo deberá seleccionar dúas fichas, cubrilas correctamente e elaborar un breve informe ou presentación no formato que prefira —informe escrito, pódcast, presentación dixital, cartel, infografía, entre outros—, deixando liberdade total para a creatividade. A actividade pretende fomentar a capacidade de comprensión, síntese e comunicación da información obtida durante o proceso de investigación.
Os grupos presentarán ao resto da clase os seus traballos, explicando as conclusións ás que chegaron ao longo das súas pescudas. Estas exposicións formarán parte da avaliación do produto final, tendo en conta aspectos como a organización do grupo, o axuste ao tempo establecido e a claridade e fluidez da comunicación.
Finalmente, cada grupo realizará unha avaliación do traballo cooperativo e cada alumno ou alumna levará a cabo unha autoavaliación do seu propio proceso de aprendizaxe.
Enfoque multinivel do reto
O deseño deste REA foi elaborado co obxectivo de responder ás diversas necesidades e ritmos de aprendizaxe do alumnado, permitindo que o profesorado adapte os contidos e as actividades segundo as capacidades e intereses de cada estudante. Esta flexibilidade garante que todos poidan avanzar no seu proceso de aprendizaxe de maneira axeitada e sen perder motivación.
Na selección das actividades individuais, tívose en conta a existencia de distintos niveis de dificultade. Deste xeito, o profesorado ten a responsabilidade de elixir para cada estudante aquelas tarefas que considere máis axeitadas ao seu perfil competencial, asegurando que cada alumno e alumna poida traballar de maneira produtiva e sentindo que o desafío é alcanzable.
En relación coas actividades grupais, estas foron deseñadas para incluír tarefas cun grao diverso de complexidade. Isto permite que, á hora de repartir responsabilidades dentro dos grupos, se poidan asignar tarefas de menor dificultade ao alumnado que requira un apoio adicional, mentres que os estudantes con maior nivel poden asumir retos máis complexos. Así mesmo, recae no profesorado a función de orientar e guiar aos grupos, asegurando que a repartición das tarefas sexa equitativa e que cada membro poida contribuír ao proxecto segundo as súas capacidades.