Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito o reto final son:
- O caderno de aprendizaxe, en formato físico ou dixital.
- Dispositivos móbiles, tabletas ou ordenadores con conexión a Internet e con aplicacións de ofimática para buscar a información e levar a cabo as actividades propostas no REA.
- Pantalla para que o alumnado poida proxectar vídeos ou presentacións.
- Material de papelería: folios, rotuladores, lapis, tesoiras, cartolinas...
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Para as actividades grupais o alumnado dividirase en grupos, tendo cada un unha responsabilidade na consecución das mesmas. Recoméndase:
- Un reparto equilibrado, tanto en número como nas diferentes capacidades e perfís do alumnado, de maneira que se eviten descompensacións á hora de realizar as actividades e na carga de traballo dentro do grupo.
- Que o profesorado se encargue de distribuír o alumnado nos grupos dun xeito equilibrado.
- Que a posta en común dos resultados das actividades se fagan:
- Nun primeiro momento, en pequenos grupos.
- Finalmente, no grupo-clase.
Produtos finais
Os produtos finais para acadar o reto deste REA consistirán na elaboración:
- Detrás das ideas, hai persoas (biografía comentada).
- O cadro como fonte histórica (interpretar unha obra artística no seu contexto histórico).
- Se eu fose artista... (crear unha obra artística seguindo un dos estilos artísticos traballados coa súa interpretación).
Enfoque multinivel do reto
As actividades do REA, tanto individuais como grupais, contemplan diferentes niveis de dificultade e están deseñadas para adaptarse á diversidade do alumnado. Correspóndelle ao docente seleccionar aquelas propostas que mellor se axusten ás necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe de cada estudante, garantindo que todas as persoas poidan participar con éxito e avanzar na súa aprendizaxe.
Do mesmo xeito, para acadar o reto final, propóñense tres produtos posibles. Correspóndelle ao persoal docente orientar ao alumnado na elección da opción que mellor se axuste ás súas necesidades e potencialidades, garantindo que todas as persoas poidan participar e demostrar o que saben.
Durante a realización das actividades e dos produtos finais o persoal docente actuará como guía do alumnado para aclarar as dúbidas que poidan ir xurdindo no alumnado ou repartir tarefas dentro dos grupos de traballo.