Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Para o desenvolvemento deste REA é preciso contar cos seguintes recursos:
- Recursos dixitais:
Ordenador ou tablet con conexión a internet, acceso á plataforma eXeLearning e a ferramentas básicas de reprodución e gravación de audio e vídeo, no caso de optar por formatos vídeo-performáticos. - Recursos físicos:
Caderno ou soporte equivalente para anotacións, materiais básicos para a posta en escena (atrezzo sinxelo, papel, cartolinas, rotuladores…) e espazos da aula que permitan o traballo cooperativo e a dramatización.
O REA dispón, ademais, dos seguintes materiais propios:
- Material descargable, que recompila nun único documento os textos, guías e recursos necesarios para o seguimento das actividades, facilitando a consulta e o acceso á información por parte do alumnado.
- Diario de aprendizaxe, empregado como ferramenta de reflexión individual e grupal ao longo de todas as fases do REA, que permite rexistrar ideas, emocións, dificultades, avances e valoracións sobre o proceso creativo e de aprendizaxe.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
- Agrupamentos de 3 ou 4 membros, con posibilidade de adaptación puntual segundo a actividade.
- Preferencia por grupos heteroxéneos, atendendo á diversidade de capacidades e estilos de aprendizaxe.
- Presenza de interdependencia positiva, de modo que o traballo do grupo dependa da colaboración de todas as persoas integrantes.
- Existencia de responsabilidade individual e grupal, claramente definida.
- O profesorado asignará os roles dentro do grupo (guión, interpretación, escenografía, narración, gravación, deseño visual…), garantindo unha participación equilibrada.
- Cada grupo elaborará un sketch teatral ou peza vídeo-performática como produto final do REA.
- A contribución individual de cada alumno/a quedará recollida no diario de aprendizaxe.
Produtos finais
- Sketch teatral ou peza vídeo-performática colectiva, creada por grupos, inspirada na obra Ícaras, de Carlos Labraña, e desenvolvida segundo as indicacións da fase 4 do REA.
- O sketch deberá reflectir os contidos traballados ao longo da situación de aprendizaxe, especialmente a reflexión sobre a liberdade, a igualdade, o medo e a identidade, así como o uso adecuado e expresivo da lingua galega.
- Como complemento ao produto final, cada alumno/a elaborará o seu diario de aprendizaxe, no que se recolla o proceso persoal e grupal seguido durante o REA.
Enfoque multinivel do reto
- O REA contempla actividades multinivel ao longo de todas as fases co obxectivo de atender á diversidade do alumnado e aos distintos ritmos, intereses e estilos de aprendizaxe presentes na aula.
- O sketch teatral ou peza vídeo-performática final poderá adoptar estruturas, formatos e niveis de complexidade diferentes, en función do grao de profundidade do traballo realizado, do interese do alumnado e das súas capacidades expresivas. Cada estudante poderá participar no reto asumindo roles diversos e axustados ás súas fortalezas, garantindo así unha implicación real e significativa no proceso de aprendizaxe.
Avaliación
Os instrumentos de avaliación que presenta o REA son:
- Informe de progreso
- Rúbricas
- Lista de cotexo
- Observación directa