Metodoloxía
Este REA está baseado nos principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e emprega unha metodoloxía activa e competencial, orientada a facilitar que o alumnado acade as competencias clave propias da materia de Lingua Galega e Literatura en 2º da ESO. O seu deseño pretende facilitar o labor docente mediante un enfoque flexible, inclusivo e universal, que permite a súa adaptación á diversidade de contextos e realidades das aulas.
O recurso inscríbese no marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do que forma parte, e comparte a súa filosofía de aprendizaxe significativa, accesible e centrada na participación activa do alumnado.
Desde o punto de vista metodolóxico, este REA presenta un carácter eminentemente práctico, cun enfoque claramente competencial, activo e participativo, que combina o traballo individual co traballo cooperativo. O alumnado convértese en protagonista do seu propio proceso de aprendizaxe a través da lectura, a reflexión crítica, a creación artística e a expresión oral, corporal e audiovisual.
O eixe vertebrador da proposta é a resolución de retos vinculados á realidade persoal e social do alumnado, utilizando o teatro como ferramenta de expresión e análise. Isto permite motivalo e facelo sentirse parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, desde un enfoque que é:
- Personalizado, ao partir dos coñecementos previos do alumnado e ofrecer actividades multinivel, con diferentes opcións de acceso, participación e expresión.
- Significativo, xa que o alumnado constrúe os seus propios coñecementos a partir da experiencia lectora, emocional e creativa, aprendendo a aprender e reflexionando sobre o seu propio proceso mediante o diario de aprendizaxe.
- Funcional, ao aplicar o aprendido en situacións reais e próximas, conectadas coa súa contorna, coas relacións sociais e cos valores de igualdade, liberdade e respecto.
Ao longo do REA, o alumnado explora, descobre, experimenta, crea e reflexiona, o que favorece unha aprendizaxe máis profunda, significativa e duradeira. Promóvese de maneira explícita a participación activa e o traballo colectivo, especialmente na creación do sketch teatral final, como resposta aos desafíos sociais, culturais e comunicativos da sociedade actual, contribuíndo á superación de estereotipos e á adquisición de competencias en condicións de igualdade.
As actividades constitúen o medio a través do cal se concretan os principios metodolóxicos desta proposta e organízanse en función do momento e da intención educativa:
- Actividades iniciais, destinadas a activar os coñecementos previos do alumnado, espertar o interese polo xénero teatral e introducir os temas centrais da obra.
- Actividades de desenvolvemento, orientadas á comprensión e análise do texto teatral, á reflexión lingüística e social e á adquisición progresiva das ferramentas necesarias para a creación escénica. Estas actividades preséntanse inicialmente de maneira máis guiada e estrutural.
- Actividades de reforzo e ampliación, que permiten atender aos diferentes ritmos de aprendizaxe, ofrecendo apoios para consolidar contidos básicos e propostas abertas para profundar ou ampliar a experiencia creativa.
- Actividades de avaliación, integradas ao longo de todo o proceso, aínda que tamén se programan tarefas específicas de avaliación relacionadas co reto final, a autoavaliación, a coavaliación e o diario de aprendizaxe.
Este REA permite multinivelar a aprendizaxe e adaptala aos intereses, capacidades e estilos expresivos do alumnado. Na creación do sketch teatral final, cada estudante pode asumir diferentes roles (guión, interpretación, escenografía, narración, gravación, deseño visual…), e escoller o formato e o grao de complexidade do produto, garantindo unha participación real e significativa de todo o grupo.