Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor morado, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O alumnado terá que empregar algún dispositivo que lle permita obter as distintas fotografías dos monumentos a estudar. Ademais, para obter o mapa da zona a estudar pódese empregar o mapa en liña de uso libre e gratuito https://www.openstreetmap.org/.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Neste REA propóñense actividades individuais e grupais, considerando as seguintes premisas:

Recoméndase a creación de grupos de 4 alumnos/as. Logo, terán que expoñer o seu resultado ao resto de compañeiras/os.

Coas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. De esta forma, búscase que o alumnado desenvolva as súas competencias sociais e cívicas mediante a realización de tarefas á vez que desenvolven a súa autonomía persoal. O obxectivo é que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións baseadas no consenso. Para iso, recoméndase ao profesorado que leve a cabo este REA considerando:

  • Organizar o alumnado en función das súas diferentes capacidades.
  • Asignar a cada alumno/a unha función no grupo na que desenvolva as súas capacidades.
  • Crear un clima de traballo positivo e participativo.
  • Tamén existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.

Produtos finais

O produto final do REA "No me mires que me desgasto" consiste na elaboración dun mapa dos cambios físicos e químicos do seu contorno.

Esta mapa é recomendable que poña en valor elementos da contorna do alumnado que non sexan tan coñecidos e posúan un alto interese natural, histórico ou cultural.

Para describir os distintos elementos que conforman o mapa e o patrimonio desgastado elixido o alumnado terá que empregar os distintos tipos de cambios en contextos variados, que serán presentados ao longo do REA.

Para confeccionar a documentación asociada a cada monumento ou elemento existen dous modelos de apoio que o alumnado pode empregar para a toma e análise da información, e outra para a presentación das súas conclusións.

O carácter aberto deste produto final permitirá que o alumnado participe activamente, podendo empregar distintas temáticas e diversos medios para a súa elaboración e expresión (seguindo os principios DUA).

Enfoque multinivel do reto

O enfoque multinivel do reto establécese principalmente a través do número de situacións a analizar na contorna. Neste REA propónse un mínimo de catro puntos de interese: dous que exemplifiquen un cambio físico e dous que representen un cambio químico. Esta selección permite observar diferentes fenómenos e fomentar unha análise crítica por parte do alumnado. Ademais, os docentes e os estudantes teñen a flexibilidade de realizar máis observacións se así o consideran, feito que enriquece a experiencia de aprendizaxe e fomenta a curiosidade científica.

Para a elaboración do mapa, ofrécese a opción de escoller entre un formato físico ou dixital, o que permite adaptarse ás diversas capacidades e estilos de aprendizaxe de cada estudante. Esta versatilidade asegura que todo o alumnado poida participar plenamente na actividade, explorando e documentando os cambios físicos e químicos de forma creativa e accesible.

Ao facilitar tanto o formato coma o número de puntos de interese, búscase atender á diversidade da aula, promovendo unha aprendizaxe inclusiva e personalizada que potencie o interese polos fenómenos naturais e a ciencia en xeral.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)