Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:

  • O caderno de aprendizaxe
  • Os materiais do propio REA
  • Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información
  • Material de gravación do pódcast
  • Material de papelería (bolígrafos, caderno, cartolinas...)

Entendemos que este material está dispoñible en todos os centros e resulta de fácil manexo por parte do profesorado.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Dividirase a aula en grupos de máximo 5 membros. É importante que o profesorado teña en conta, á hora de designar os grupos, os seguintes aspectos:

  • A composición dos grupos buscará un equilibrio nas capacidades e puntos fortes do alumnado, de maneira que se eviten desequilibrios entre grupos.
  • As tarefas repartiranse con claridade para que todas as persoas poidan participar activamente e evitar que unha soa asuma a maior parte do traballo.
  • O repartimento de tarefas terá en conta as necesidades e posibilidades de cada estudante, facilitando que todas as persoas poidan contribuír e desenvolver as súas capacidades.
  • O traballo realizarase nun ambiente cooperativo e respectuoso, no que todas as voces sexan escoitadas e valoradas.
  • Cada grupo designará unha persoa coordinadora, que se encargará da interlocución co profesor ou profesora.
  • Tentarase o equilibrio por sexos, garantindo un ambiente coeducativo e respectuoso e igualitario, evitando os prexuízos e comportamentos sexistas e os nesgos machistas.

Produtos finais

O produto final do REA “Amadou, da guerra á escola” consiste no desenvolvemento dun reto educativo interdisciplinar que integra valores de empatía, coñecemento xeográfico e social, traballo colaborativo e competencias comunicativas. O alumnado, organizado en grupos, elaborará un plan de acollida destinado a dúas persoas refuxiadas —Amadou, procedente de Sudán do Sur, e Nora, de Afganistán—, presentando o resultado final mediante un pódcast ou un póster informativo. Esta actividade ten como finalidade analizar e dar a coñecer, a partir duns recursos aconsellados, a realidade das persoas refuxiadas, achegar información sobre España e a Unión Europea, e fomentar actitudes de interculturalidade, solidariedade e respecto á diversidade no ámbito escolar.

Preténdese aproximar os alumnos e as alumnas de 3.º de ESO ao coñecemento da organización política das sociedades e do ordenamento normativo autonómico, constitucional e supranacional nun contexto de globalización, movementos migratorios e interculturalidade.

Cada grupo presentará aos demais a súas gravacións ou os seus paneis expositivos explicando as conclusións ás que chegaron durante as súas pescudas. Estas exposicións son en si mesmas parte avaliable do produto final, en aspectos como a organización do grupo para a presentación, o axuste ao tempo establecido, ou a fluidez e calidade da comunicación.

Finalmente cada un dos grupos deberá valorar o traballo dos seus compañeiros e compañeiras de grupo, e cada compoñente do grupo someterá o seu propio traballo a autoavaliación.

Enfoque multinivel do reto

O deseño do REA está pensado para responder ás distintas necesidades do alumnado, xa que se pode adaptar a distintos ritmos de aprendizaxe.

Na selección das actividades individuais procurouse ofrecer distintas opcións e distintos niveis de dificultade. Correspóndelle ao profesorado escoller para cada estudante aquelas actividades que mellor se axusten ás súas necesidades, ritmos e maneiras de aprender, garantindo que todas as persoas poidan avanzar e participar plenamente.

En canto ás actividades grupais, estas están pensadas para incluír tarefas variadas que requiren distintas habilidades. No momento de repartir o traballo dentro de cada grupo, pódese asignar a cada estudante aquela tarefa coa que se sinta máis cómodo ou que lle permita amosar e desenvolver mellor as súas capacidades. O profesorado apoiará e acompañará este proceso para garantir que a distribución sexa equilibrada e que todas as persoas do grupo poidan participar de maneira real e significativa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)