O cómic para expresArte
"O cómic para expresArte" é un REA (Recurso Educativo Aberto) coa fin de fomentar nos estudantes habilidades e capacidades, tanto cognitivas como emocionais, expresando pensamentos e emocións de forma libre e orixinal, estimulando a creatividade e descubrindo o seu propio estilo artístico a través dun reto estimulante. Nesta situación de aprendizaxe o alumnado terá que traballar en grupo para realizar unha chuvia de ideas, na investigación e preparación de materiais, e nas reflexións críticas finais sobre os resultados do seu traballo. Traballan de forma colaborativa para comprender e reinterpretar un conto popular galego, tendo en conta a súa temática, o estilo gráfico máis axeitado e a planificación das páxinas e viñetas. Decidirán conxuntamente como adaptalo visualmente e organizarán os materiais e tarefas necesarias para a súa execución, rematando cunha avaliación e reflexión final sobre o proceso creativo.
O REA "O cómic para expresArte" ten como obxectivos principais:
1 - Comprender os elementos básicos da linguaxe visual e as súas funcións na creación de cómics e na fotografía.
2 - Descubrir a importancia da tradición oral galega, transmitindo contos e lendas populares a través da narración gráfica e visual.
3 - Explorar a historia do cómic, coñecendo os seus diferentes tipos, estilos e evolución ao longo do tempo.
4 - Coñecer e utilizar os diferentes tipos de planos e encadres na fotografía e no cómic para xerar dinamismo e profundidade nas composicións, xunto cos elementos gráficos propios do cómic.
5 - Potenciar o traballo en equipo e a colaboración creativa na adaptación de contos e lendas galegas ao formato do cómic.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado cas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.