Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.

Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo das fases 2 e 3: un equipo informático.

Para os experimentos e proxectos da fase 3: material diverso segundo as características do produto. No REA ofrécese unha proposta accesible e doada de elaborar con material común.

Para os produtos finais da fase 4 non se determina o procedemento de elaboración. Recomendacións segundo a dispoñibilidade de recursos:

Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
Con programas informáticos sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis, rótulos e invitacións. Hai que ter en conta que este tipo de aplicacións non permite o traballo compartido sobre o mesmo produto.
Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma AbalarBox como soporte para o traballo colaborativo de creación dos produtos dixitais.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Na primeira fase créanse os equipos estables para todo o proxecto, utilizando un procedemento non dirixido, con resultados aleatorios, para o repartimento do alumnado dentro dos grupos.

Ao longo do REA fanse propostas de tarefas para o traballo colaborativo en equipo. A análise, valoración e avaliación das producións dos grupos faise tamén en grupo.

Será necesario adaptar a configuración dos grupos (número de membros) e ampliar ou unificar temas segundo as características de cada centro educativo.

Recoméndase dividir ao alumnado en catro grupos adaptando a configuración dos mesmos se fora necesario.

Produtos finais

O REA consiste na planificación e realización dunha exposición interactiva sobre os animais en perigo de extinción. Todo o alumnado debe ter o coñecemento e competencia para expoñer o traballo do seu equipo, e ser quen de explicar, nas visitas guiadas, os carteis dos outros grupos.

Relacionado con reto principal proponse outros pequenos retos:

  • Creación dun ovoscopio co que poder observar as partes internas dun ovo.
  • Elaboración de comedeiros para paxaros.
  • Construción dun hotel de insectos.

Temas:

  1. Animais vertebrados: características e funcións vitais.
  2. Animais invertebrados: características e funcións vitais.
  3. Especies autóctonas.
  4. Especies en perigo de extinción.

Enfoque multinivel do reto

Tanto o reto como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas.

Actividades individuais:

No REA recóllense actividades individuais con diferentes características, procedemento de resolución, tipoloxía e nivel de dificultade. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades propostas, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno reflexione sobre as tarefas que desenvolveu en cada fase.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Reto:

Para superar o reto o alumnado deberá crear unha exposición interactiva que exporán ao resto de comunidade educativa.

Durante o apartado 3. Coñecer para protexer, o alumnado aprenderá a información necesaria para ir creando elementos que se incluirán nas diferentes estacións que formarán parte da exposición. No apartado 4. A exposición, montarán a exposición incluíndo os elementos creados así como facendo a carteleira e todo o material necesario.

O reto da exposición interactiva será abordado cun enfoque multinivel baseado nos principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), co obxectivo de garantir a participación e aprendizaxe de todo o alumnado, respectando a súa diversidade.

Aplicaranse múltiples formas de representación dos contidos (textos, imaxes, vídeos, xogos manipulativos...), facilitando a comprensión das características dos animais e o seu papel nos ecosistemas. Asemade, ofreceranse diversas opcións de acción e expresión, permitindo que o alumnado contribúa á exposición mediante carteis, xogos, maquetas, mensaxes concienciadoras,... segundo os seus intereses e capacidades.

Promoverase tamén o compromiso activo do alumnado ofrecendo distintas formas de implicación: elección de tarefas, roles adaptados dentro do grupo, traballo individual ou cooperativo e uso de apoios como guías por pasos ou materiais adaptados.

Este enfoque favorece a planificación de experiencias inclusivas, nas que cada neno e nena pode acceder aos contidos, participar activamente e demostrar o aprendido a través de diferentes vías.


Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • Opción A: O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas  poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • Opción B: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • Opción C: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)