Ciencia e sociedade
Antes de definir a ciencia e o método científico, sería interesante buscar palabras que se puidesen relacionar con ambos os dous conceptos. Así, palabras como verdade, curiosidade, coñecemento, desenvolvemento, explicación, significado e outras moi parecidas poderiamos utilizalas para definir a ciencia e o seu método de traballo: o método científico. Pero a anterior reflexión pode ser moi enganosa xa que, dende o inicio da ciencia ata a actualidade, a humanidade pasou por épocas nas que traballar en ciencia era difícil e para nada estaba claro e diferenciado o concepto de ciencia doutro tipo de actividades e coñecementos que non se poden considerar científicos. De aí a importancia de clarificar conceptos en todos os campos da vida e, por suposto, en todo o relacionado coa ciencia; e máis agora xa que está presente en todos os campos de saber.