Un podómetro é un aparello que conta os pasos cando camiñamos. Para funcionar, necesita saber se nos estamos a mover, e para iso utiliza un sensor chamado acelerómetro.
Este sensor mide os cambios de movemento e está presente en moitos dispositivos da vida cotiá. Por exemplo, nos móbiles, serve para que a pantalla xire automaticamente cando cambiamos o teléfono de posición. Tamén se emprega en reloxos intelixentes ou dispositivos para persoas maiores para detectar caídas e enviar unha alerta.
Coa placa Micro:bit, podemos crear o noso propio podómetro, xa que trae un acelerómetro incorporado.
Que é un acelerómetro?
María Souto Lorenzo. Acelerómetro na Micro:bit. CC BY-SA
O acelerómetro é un sensor que detecta se un obxecto está quieto ou se se move. Tamén pode saber en que dirección se move (cara arriba, abaixo, aos lados…).
Na Micro:bit mide en tres direccións: X (esquerda-dereita), Y (diante-atrás) e Z (arriba-abaixo).
Como detecta o movemento?
María Souto Lorenzo. Movemento Micro:bit. CC BY-SA
Cando movemos a Micro:bit, o acelerómetro mide a forza dese movemento en cada eixe (X, Y, Z). Se o movemento é forte ou rápido, o valor cambia máis.
Como conta un paso?
María Souto Lorenzo. Curva de detección de paso. CC BY-SA
Ao camiñar, o corpo sobe e baixa lixeiramente. A Micro:bit detecta eses cambios no eixe Z. Se o cambio é grande e supera un certo nivel, chamado limiar, considera que demos un paso e suma 1 ao contador.