Con aire primaveral en París!
Recoñeces algunha das melodías que entoamos con acompañamento?
A melodía 2 é o tema principal da obra Cortège da compositora francesa Lili Boulanger
Lili Boulanger naceu en París a finais do século XIX (1893), nunha familia de músicos: a súa avoa (cantante), o seu pai (compositor e profesor de canto no Conservatorio de París) e a súa irmá (compositora). Dende moi pequena amosou unhas calidades excepcionais para a música, comezando as súas clases con Gabriel Fauré na súa casa.
Os problemas de saúde foron unha constante na súa vida, pero aínda así, co apoio da súa irmá Nadia, conseguiu ser a primeira muller en gañar o Premio de Roma de composición coa cantata Faust et Hélène que dedicou a súa irmá Nadia. Grazas a este premio residiu un tempo en Roma pero tivo que regresar a París pola súa enfermidade, onde compuxo a maioría da súa obra.
A obra Cortège destaca polo seu carácter alegre e desenfadado; compúxoa ao seu regreso de Roma e nun principio pensouna como unha obra para piano que xunto con D'un ancien jardin e D'un jardin clair formarían o tríptico Trois Morceaux. Pero finalmente xurdiu unha versión para violín (ou frauta) e piano, dedicada á violinista Yvonne Astruc.
Nadia Boulanger produciu unha versión final de Cortège durante a década de 1920, para órgano.