Historia || The Viola in my life

Para comezar... sigue a liña!

A biografía do noso instrumento está chea de puntos escuros, certezas e unha morea de... brincadeiras! Aínda que non é sinxelo, imos tentar resumir toda a súa vida en só 10 pequenos fragmentos. Pásate pola nosa liña do tempo e percorre os momentos máis relevantes da historia da viola dende as súas orixes ata o día de hoxe.

Violistas

Coñeces a especie do Violista antecessor? Durante moito tempo pensouse que esta non era máis que unha variante menor do Violinista erectus, pero hoxe sabemos que é unha especie única e diversa. Aquí podes saber máis sobre algúns dos nosos flamantes antepasados e ilustres contemporáneos.

Rebecca... volta a Manderley

Tal vez te chame a atención que un dos máis importantes compositores para viola é... unha compositora! A pesares de todos os menosprecios sufridos pola súa condición de muller, a música de Clarke é hoxe unha parte importante do noso repertorio. Reconstrúe ti mesma a súa biografía na actividade seguinte.

A historia da viola nuns poucos puntos

Orixes

Pintura La Madonna degli Aranci (1529-30) de Gaudenzio Ferrari
Gaudenzio Ferrari: La Madonna degli Aranci (1530)

O que ves nesta imaxe é unha das primeiras representacións de instrumentos da familia de corda. É complicado saber se foi o violín ou a viola o primeiro en ser construído. Daquela os talleres dos luthieres eran un fervedoiro, xa que experimentaban constantemente con distintos deseños, tamaños, formas… e por iso tampouco é posible atribuírlle a autoría a unha única persoa. O que si sabemos e que a “familia” aparece no norte de Italia na primeira metade do séc. XVI, e que posteriormente algúns construtores coma Amati ou Gasparó da Saló foron os encargados de asentar uns modelos que son moi semellantes aos que empregamos hoxe en día. Como dato a ter en conta, nun primeiro momento o nome do noso instrumento era viola da braccio, para distinguila da entón máis que popular viola da gamba. Os nomes apuntan ao xeito en que se tocan, pero seguro que iso xa o sabías.

Telemann e Bach: concertos para viola

Prefacio da edición das sonatas de William Flackton
William Flackton: Prefacio dos Six Solos (1770)

Aínda que nos “24 violons du roy”, a orquestra dirixida por Lully, de 5 partes 3 eran interpretadas por violas, a alegría durou pouco. No barroco púxose de moda a Sonata en trío, que a pesar de contar con distintas opcións de instrumentación, ningunha delas incluía á viola.
Neste período hai moi pouca música escrita para o noso instrumento coma solista, pero non podemos esquecer os concertos de Telemann para 1 e 2 violas, así coma o 6º concerto de Brandemburgo de Bach.
Dicir a modo de anécdota, que o compositor inglés William Flackton incluíu no seu op. nº 2, 3 sonatas para viola e baixo continuo. No prólogo da primeira edición, o compositor lamenta inexistencia de música editada para viola no Londres daquela época.

Mozart: sinfonía concertante

Primeira páxina da parte de viola da sinfonía concertante de Mozart
W. A. Mozart: Primeira páxina da parte de viola da primeira edición da Sinfonía Concertante

Parece ser que Mozart, entre outros instrumentos, tamén tocou a viola. Na Sinfonía Concertante hai que destacar que, a pesar de estar escrita en Mib M, a parte de viola fíxoa en Re M, co instrumento afinado en scordatura ½ ton máis alto, para que tivese un son máis brillante.
Pero o certo é que estes tampouco foron bos tempos. Quantz, no seu tratado publicado en 1752, quéixase do pouco nivel das violas. Parte do problema era que non había apenas “violistas profesionais”, e eran outros instrumentistas os que tocaban nas seccións da orquestra , moi habitualmente violíns… pero non os mellores.
Menos mal que a familia Stamitz fixo unha importante aportación ao noso repertorio, que inclúe concertos, sonatas, dúos… que o propio Karl interpretou en público en moitas ocasións, recibindo excelentes críticas.

Berlioz: Harold en Italia

Caricatura de Berlioz realizada por Etienne Carjat
H. Berlioz: Caricatura realizada por Etienne Carjat

Se cadra gracias á familia Stamitz a popularidade da viola comeza a medrar, e entre outras cousas escríbense métodos específicos, coma os de Bruni ou Campagnoli. Ata entón empregábase maioritariamente material de violín, sen pensar nas diferencias entre ambos instrumentos. Un dos que se sumou á moda da viola foi Paganini, que adquiriu unha Stradivarius e encargou a Berlioz unha obra para el. O resultado foi Harold en Italia, pero a Paganini pareceulle demasiado fácil para el e negouse a estreala (parece ser que posteriormente, ao escoitala, se arrepentiu). Ademais da falta de métodos, o outro problema era o tamaño das violas empregadas, en xeral moi pequenas, o cal prexudicaba bastante a calidade do son. Hermann Ritter foi ao outro extremo, e tocaba cunha viola de 48cm, algo ao alcance de moi poucos. Pero foi importante porque puxo o foco nunha cuestión que a partir dese momento faría que os tamaños das violas aumentasen. E en medio de todo isto, a Spohr ocórreselle que unha barbada faría máis fácil tocar o violín ou a viola…
E xa que estamos, cando xorde a almofadiña?

París: a viola entra no conservatorio

Fotografía de Théophile Laforge
Théophile Laforge: Primeiro catedrático de viola no conservatorio de París

Na segunda metade do séc. XIX, aínda que o repertorio para viola solista era mesmo escaso, o seu papel camerístico non o era tanto. Pero a pesar das demandas cada vez máis esixentes dos compositores, o feito de non existir uns estudios específicos de viola, e que a formación dependese exclusivamente de violinistas, empezou a ser un problema.
Berlioz foi un dos que se manifestou abertamente solicitando ao conservatorio de París a formación en diversos instrumentos, entre os que estaba a viola.
Finalmente, foi no ano 1894 cando o profesor Théophile Laforge inaugurou a primeira Cátedra, que supuxo un auténtico punto de inflexión para a historia do instrumento. Non só aumentou o número de violistas, senón tamén a súa calidade. En consecuencia, comezou a xurdir unha metodoloxía específica para o instrumento, e obviamente os compositores comezaron a mirala con outros ollos…

Walton: Concerto para viola

Fotografía do violista Lionel Tertis
Fotografia de Lionel Tertis: dedicatario do Concerto para viola de W. Walton

Lionel Tertis publica en 1953 “Cinderella no more” (algo así coma "Nunca máis Cincenta"). O título é toda unha declaración de intencións, xa que adicou a súa vida a cambiar o concepto que ata entón se tiña do instrumento, e conseguiu un recoñecemento coma intérprete coma ninguén antes. Son múltiples as achegas que fixo, entre as que destacan a gran cantidade de obras que lle escribiron para viola, os seus propios arranxos, e a difusión de toda esta música. Hai que subliñar tamén o seu interese polas características construtivas, xa que experimentou con distintos modelos de viola, ata conseguir o que, para el, mellor se adaptaba ás necesidades sonoras do instrumento: o modelo Tertis medía aproximadamente 42,55 cm, e conseguía un son de calidade na corda Do. Tivo tamén un grande recoñecemento coma profesor, e entre as súas alumnas máis destacadas estivo Rebecca Clarke. Tertis foi quen lle encargou a Walton o concerto para viola, e igual que anos antes sucedera con Paganini con Harold en Italia, nun primeiro momento non lle gustou. Pero tras recapacitar acabou non só por tocalo, senón por recomendarllo ao seu alumnado.

Hindemith: Trauermusik

Pintura de Rudolf Heinisch representando a Paul Hindemith tocando a viola
Paul Hindemith mit Bratsche: Cadro de Rudolf Heinisch (1956)

Esta é unha parada obrigada. Hindemith, coñecido sobre todo por ser un dos compositores máis relevantes do séc. XX, foi tamén intérprete de viola. Aínda que hai opinións do máis diverso sobre a súa calidade coma violista, hai que lembrar que foi el quen estreou o concerto de Walton e o de Milhaud, este último adicado a el. Pero o que máis temos que agradecerlle foi a cantidade de repertorio que nos regalou: obras para viola solista e orquestra, sonatas para viola e piano, para viola sola… a súa achega foi moi importante tanto en cantidade coma en calidade.
Parece ser que tiña certa facilidade para compoñer. De feito, en 1936 estaba en Londres para estrear alí o Schwanendreher, e na véspera do concerto morreu o o rei, George V. Preguntáronlle se podía escribir algo máis apropiado, tendo en conta as circunstancias. Dito e feito. Durante o día 20 de Xaneiro escribiu a obra, ensaiouna, e foi estreada esa mesma noite. O título imaxino que xa o intúes: Trauermusik (Música para un funeral).

Bartok: Concerto para viola

Fotografía do violista William Primrose
William Primrose: Dedicatario do concerto para viola de B. Bartok

E volvemos a Inglaterra, desta vez da man de William Primrose. Considerado un auténtico virtuoso do instrumento, foi dos primeiros en interpretar coa viola os caprichos de Paganini, en concreto o nº 24 pode verse en Youtube. Estudou violín con Ysaÿe, que foi quen o animou a cambiarse á viola. Defendeu que a viola non era simplemente un violín grande, e por iso nas numerosas partituras que editou, moitas delas transcricións de música para violín, foi especialmente coidadoso coas dixitacións, tentando evitar grandes extensión e utilizando máis a ½, 2ª ou 4ª posición. Esta mesma idea tamén a tiña Lillian Fuchs. Dicir que foi el quen lle encargou a Bartok o concerto para viola, e que parece ser lle adiantou a nada desprezable cantidade de 1.000 dólares (uns 16000$ actuais!). Aínda que se conserva unha carta na que Bartok di que a parte máis difícil do traballo estaba feita, e que en 5 ou 6 semanas podería rematalo, non puido ser. Morreu antes de facelo, e aquí comeza a polémica.
O encargado de encaixar a pezas do puzzle, é dicir, os numerosos borradores que tiña o compositor, foi o seu alumno Tibor Serly. Pero parece que houbo a quen non lle pareceu un bo traballo, e consideran que a obra é máis do alumno ca do mestre. Opinións sempre hai, pero o que é indiscutible é que se trata de unha das obras de referencia no repertorio da viola.

IVS: International violas society

Viola Pomposa según Josef Klee (Sec. XIX)
Viola Pomposa: Segundo Josef Klee (sec. XIX)

En 1966 fundouse en Austria e Alemaña a Viola-Forschungsgesellschaft. Si, podo imaxinar a túa cara despois de toda esta sucesión de vocais e consoantes. Non sabemos se foi ese o motivo, pero posteriormente cambiou o seu nome polo de International Viola Society. Entre os seus membros fundadores estaba Franz Zeyringer. Se cadra é a primeira vez que les o seu nome, pero publicou a primeira edición do libro “Literatur für Viola” en 1963, un amplísimo catálogo no que recolle obras orixinais, arranxos, pezas de música de cámara…toda unha referencia a nivel de repertorio. Entre os cometidos da IVS está a investigación, organización de congresos, concursos, encargos de obras…Unha das sedes máis activa é a Americana (AVS), que publica unha revista chamada Journal of the American Viola Society dende o ano 1985, con artigos do máis interesante.
Os números ata o ano 2009 están dispoñibles en formato PDF na súa páxina.

Hoxe: 2022

Viola da colección do MET de New York
Viola de Jacob Stainer (Sec. XVII)

“The future of the viola depends upon the violists themselves!”. Con esta frase remata Maurice W. Riley o 1º volume do seu libro The History of the Viola. Publicado en 1980 foi a primeira vez que se fixo un traballo tan minucioso con respecto á historia do instrumento. Aínda que a día de hoxe está descatalogado, pode lerse online a través deste enlace. Si que é certo que a situación mellorou moito nos últimos 40 anos, en parte gracias ao traballo de moitas persoas que se empeñaron en sacar á viola do segundo plano ao que estivo relegada durante séculos. Esta liña do tempo pretende darche só un pequeno aperitivo do que foi a evolución do instrumento nos últimos séculos. Agora tócache a ti ampliar os teus coñecementos naqueles aspectos que máis chamaran a túa atención.

Violistas de onte e hoxe

Le un pouco sobre todas estas violistas, podes buscar máis información, escoitalos en Spotify, miralas en Youtube... Inspírate! .

Fotografia de Tabea_Zimmermann_feita por_Marco_Borggreve

TABEA ZIMMERMANN

Na primeira gravación que se coñece dela tocando a viola contaba tan só con 3 anos. Hoxe en día, é unha das violistas máis recoñecidas a nivel mundial. En 2020 foille concedido o Ernst von Siemens Music Prize, coñecido coma o Nobel da música clásica.

Fotografia de Antoine Tammestit

ANTOINE TAMESTIT

Violista francés, obtivo os primeiros premios nos concursos Maurice Vieux e William Primrose, entre outros. Dende o ano 2007 é membro do Trío Zimmermann.

Fotografia de Lilian Fuchs

LILLIAN FUCHS

Nacida a principios do séc. XX , quixo destacar as particularidades do instrumento, buscando unha nova metodoloxía para o seu ensino. Martinú escribiu para ela a Sonata H.355.

Fotografia de Kim_Kashkashian

KIM KASKASHIAN

Unha das violistas norteamericanas máis comprometida coa música Contemporánea. Foi a primeira intérprete de viola en recibir un premio Grammy, no ano 2013.

Fotografia de Lawrence Power

LAWRENCE POWER

De orixe británico, comezou os seus estudos musicais xa coa viola, á idade de 8 anos. Actualmente está inmerso nun proxecto co que pretende estrear 10 concertos para viola en 10 anos.

Fotografia de Isabela Villanueva realizada por Alberto Gamazo

ISABEL VILLANUEVA

É unha das violistas españolas con máis repercusión a nivel internacional, galardoada no ano 2015 co premio “El ojo crítico” de RNE. Os seus proxectos inclúen diversos estilos musicais e artes escénicas.

Rebecca Clarke

Unha vida en pequenas frases

Busca en internet para completar coa palabra ou palabras que faltan en cada frase

Nace en , Inglaterra, en 1886.

Con 9 anos empeza a estudar .

En ingresa na Royal Academy of Music.

O seu pai decide quitala cando o seu profesor, Percy Hilder Miles, se quixo con ela.

Miles deixoulle en herdanza o seu violín Stradivarius.

En ingresa na Royal College of Music para estudar composición con Charles Villiers Stanford

Este animouna a estudar , para estar “right in the middle of the sound”

Foi alumna de Lionel

En foi unha das primeiras 6 mulleres en ingresar nunha orquestra profesional, con Sir Henry Wood na Queen’s Hall Orchestra.

Marcha aos ao inicio da 1ª Guerra Mundial.

Funda o English Ensemble, un cuarteto con piano integrado por .

Adicou gran parte da súa vida coma instrumentista á música de

Tocou con músicos coma Pau , Arthur , ou Jacques Thibaud

En 1918 estrea a obra para viola e piano

No concerto asina esta peza co pseudónimo de Anthony

Foi moi amiga de Elizabeth Sprague , unha importante mecenas musical

En 1919 presenta a súa sonata para viola a un concurso no festival de e queda 2ª

En 1921 volve quedar 2ª co para piano

En foi invitada a estrear o sexteto para violas de Benjamin Dale con Lionel Tertis

Nese mesmo ano adica a Coolidge a for cello and piano

E tamén publica o artigo “The of the Viola in Quartet Writing”

En publicará outro chamado “Viola”, analizando a evolución do instrumento

En 1931 estrea a Sonatina para viola de Leigh

En 1941 estrea ela mesma a Passacaglia on an Old English Tune, para viola e piano, baseada nun tema de Thomas .

En 1942 o seu Prelude, Allegro and Pastorale para viola e foi seleccionado para ser interpretado na International Society for Contemporary Music en Berkeley,

Foi a única obra seleccionada escrita por unha muller

Paradoxicamente, ese mesmo ano comeza a traballar coma aia en

En 1944 casa co compositor James Friskin. Ambos teñen anos.

Entre 1969–1973 escribe o su libro de , titulado “I Had a Father Too (Or the Mustard Spoon)”

O libro, sen publicar, explora a turbulenta relación co seu pai.

Foi “redescuberta” por accidente, cando o xornalista Robert Sherman a entrevistou no ano para homenaxear a súa amiga a Cellista Myra Hess.

No ano da súa morte, en 1980, o New Grove of Music tiña na entrada “Clarke, Rebecca: ver James Friskin,”